Thursday, January 14, 2010

Ourense, caciquismo e traizón

Era o 1 de xuño do 2005, Baltar I de Ourense andaba a amañar as listas electorais por Ourense, cando eu mandara a miña crúa, se cadra tamén ruda, opinión do que é un cacique, do que é un traidor. Alá van cinco anos e aí quedou, ancorada na triste realidade, e agora reafirmada polos sucesorios amañes. E así o contaba eu daquela, no comentario que segue, e que hoxe, sen reparos, reivindico e reafirmo:

Aos traidores podemos chamarlle, sen reparos, covardes miserables, pois só os covardes son capaces de incorrer na traizón. Sendo a covardía a raíz de toda maldade, esta conclusión é ineludible. E das maldades, ningunha amosa a repugnante forza da soberbia e da crueldade coa dilixencia da traizón. Van séculos desque os demócratas xa denunciaban a corrupción hedonista e sadística do poder “I have never been able to conceive how any rational being could propose happiness to himself from the exercise of power over others.” Thomas Jefferson, 1811 (Traducción: “Nunca fun capaz de concibir como un ser racional pode propoñer felicidade para el mesmo do exercicio do poder sobre outros.”), e nós aínda co resignado silencio ao lombo. O caciquismo –sinónimo superlativo de corrupción- na figura do Baltar de Ourense xa deteriorou á peor forma de hedonismo, pois só un ser profundamente corrupto e vil e hedónico é capaz de extraer pracer do obsesivo exercicio do poder sobre os demais. E agora, tamén, sinónimo da manifestación máis destructiva da traizón, pois ese hedónico exercicio do poder é utilizado para o empobrecemento do país. E o que é aínda peor, va deixando en provincias enteiras o fecundo da bancarrota moral.

José Luís Baltar xa ten "decidida" a persoa que encabezará a candidatura Popular pola provincia de Ourense. Obsérvese na súa forma de falar o máis absoluto desprezo ao pobo ourensán, ese “xa ten decidida”, el, e só el, nunca a militancia do PP de Ourense. É máis, á militancia do PP de Ourense nin sequera se lle recoñeceu o dereito a saber quén era a “elixida” do Baltar; seica había que “protexela dos medios” -¡eses terribles inimigos da democracia!- ata que estivera ben adoutrinada no “saber como responder”. Pois ben, aí tendes, unha candidata que nin sequera ten a suficiente enteireza e dignidade para reservarse o dereito de falarlle a cidadanía, e, en plena forma Popular ourensá, obedientemente subordinada ao servizo de Baltar. Ao longo da presentación da última escena desta traxedia no escenario político galego -que comezou coa suposta rebeldía do Baltar - rebusquei nos xornais do país por comentarios que me axudasen a retornar á realidade, non atopei nada. Sentín o impulso de auto-inculparme. Pensei que quizais os moitos anos que levo fóra do país me habían desconectado da realidade galega e por iso non daba en entender estas cousas, que eu percibo como verdadeiras atrocidades. Claro que en antes dun segundo mandei ao esquezo tan febles pensamentos, demasiado simples e enraizados no condicionamento sociocultural -do que todos fomos víctimas- para lle dar cobertura a esa outra face da traizón: a de mirar para o outro lado –tamén característica afín dos covardes e, desgraciadamente, con sobrada presencia na nosa sociedade-. Concluín que isto non é unha cuestión de perspectiva, todo parece indicar que esta manifestación da corrupción caciquil en Ourense é moi real, fraguada desde a infancia e de tal magnitude que xa ninguén a percibe como tal. Todo está normalizado. O nepotismo xa é parte da orde natural, plenamente integrado na cultura e reconciliado co común, co cotián; velaí o triunfo manifesto da corrupción absoluta. Noutra noticia citábase a Baltar abertamente proclamando a súa condición de dono dos destinos do PP de Ourense, observen: “A él (Fraga) le va a parecer bien la lista que yo le proponga,.....”, ou ese “Aínda non fixen as listas por Ourense”, ou “descartei a Núñez Feijoo”, ou tamén este " ...si al final no es una mujer será porque no encuentro o porque las que encuentro no están dispuestas a ir en la lista". Todo en ‘eu’, e non por accidente. As formas e os modos de falar e de actuar do caciquismo portan unha intención clara de programar á xente, o antes posible, á subordinación e á obediencia, para así condicionar, clara e intuitivamente, os roles e as funcións de cadaquén. É tal a magnitude do seu poder e de tal dominio sobre a conciencia colectiva que ata editoriais e claustros gardan silencio perante esta barbarie. Antes de ningún tipo de valoracións imaxinade ao presidente do PP de Madrid, ou de Barcelona, ou de calquera outra provincia máis o menos avanzada, facendo esas declaracións cleptómanas, desbordadas de nepotismo, en pleno século XXI, agora imaxinade o silencio cómplice das voces máis autorizadas da sociedade, pois claro que non o imaxinades, nin eu tampouco. E ante isto, a indiferencia do PPdeG anunciando a cantos queiran escoitar que Ourense é sacrificable, un prezo aceptable. Esta complicidade traidora e covarde non pode ser ignorada.

Para tódalas persoas cun claro sentido de civismo hai unha voz que sobresae sobre tódalas outras: ‘nós’. ‘Nós’ abarca os significados de todo o máis íntimo, é sinónimo de amor de familia de pobo, de garantía de continuidade de pertenza; é sinónimo de ser. Isto é algo que o espírito corrompido e mesquiño do cacique é incapaz de comprender. Si, incapaz. O desprezo, total, a todo o que significa ‘nós’ xa é parte da súa propia existencia, da súa natureza. Para o cacique o colectivo social é un ‘eles’ que existe só para servilo. O mundo centrase nel, neste destructivo fósil feudal. Percíbese como un home benévolo e honrado, velador dos valores ancestrais, defensor das costumes, protector do seu e dos seus, pero sempre, ¡sempre el!, e sobre todo el. A ronsel das súas artimañas amosan un ser sen compás ético-moral, guiado pola forza da avaricia, da soberbia, da crueldade. Todo perfectamente enfeitado cos valores sociais máis representativos: patriotismo, motivación, entrega, esforzo, decencia, familia, pobo. ¿Pobo?. É competente no parlatorio; viste o disfrace da compaixón con mestría artesanal; observa a decadencia do seu entorno como un voitre a un bicho moribundo. Ve na carnaza da decadencia novas oportunidades de espoliar, expandir, dominar. E dorme tan tranquilo e desprendido da conciencia como un porco no cocho.

Os caciques arrombasen onde perciben como máis probable obter control do seu entorno. Cando as voces da razón se fagan sentir nos eidos de dominio caciquil, os caciques han buscar a forma de filtrase noutras agrupacións, procurando a perpetuación no poder á conta da miseria. E se non atopan cabida nos partidos establecidos han formar agrupacións novas, disfrazadas do que conveña. A ausencia, ¡total!, de valores de extracción ético-moral, sumada ao desprezo a xustiza e a incapacidade de ver en cada ser humano unha persoa con pleno dereito a súa dignidade, fan do cacique un hábil seductor, ¡cruel!, e extremadamente perigoso; o sumo depredador. O cacique non descarta ningún medio para silenciar as voces que poidan expoñelo. Este ser profundamente egoísta, vil e destructivo, non coñece os bordes da crueldade.

Como demócrata independente endexamais estarei aberto a argumentos que presupoñan unha superioridade ético-moral dos valores do centro-esquerda sobre os do centro-dereita, ou viceversa, pero a cobertura que o PPdeG lle ofrece, alomenos en Ourense, a estes monstros é completamente indefendible. A corrupción caciquil reina triunfante, confiada da súa prepotencia. ¿E o Silencio?, ¡obediente maldito silencio!, silencio baldón; nun unísono de alcaiotería disfrazado de calma, meticulosamente vestidos coas indumentarias da discreción e da prudencia, abafando ás voces da razón e da esperanza, adubando a semente da decadencia, agardan ansiosos, desposuídos do último vestixio de dignidade, confirmados no cénit da traizón, mentres os caciques reeditan o temario de Aspirante de Señor.