Friday, February 26, 2010

Ourense: os (sen) límites da rapina

Para asegurarlle lealdade e servilismo ao “neno” na cima da pirámide caciquil ourensá, Baltar sénior ata cabos: repite candidatura á presidencia da Deputación de Ourense e segue “contratando” servos, e aínda sicarios. Si, tamén sicarios: hai moitas maneiras de liquidar a unha sociedade, as máis efectivas son as que van amodiño, liquidando colectivos enteiros sen nunca disparar un tiro. Ourense camiña inexorablemente á súa morte, e iso perante un PP indiferente. Desde a chegada de Baltar sénior ao padriñazgo caciquil ourensá máis de 100.000 cidadáns de Ourense tiveron que fuxir da súa terra, porcentaxe que nin sequera compara ás fuxidas instigadas polo vil e malvado terrorismo de ETA. Para atopar desfeitas comparables hai que irse a territorios esmagados por exércitos criminais e xenocidas, tal é o caso de Danfur. Mais eu non me limito a culpar ao PP, culpable por antonomasia, e estendo esta culpabilidade a un Estado covarde, que polo súa covardía é cómplice deste xenocidio social.

Non acepto, de ningunha maneira, que un Estado civilizado e democrático careza de instrumentos para frear a destrucción dun dos seus territorios constituíntes. A destrucción de Ourense ás mans de monstros desalmados amparados polo PP xa transcende o caciquismo e a prevaricación e a rapina, e é unha mesquindade suxerir que iso é un problema interno de Ourense. É un crime de Estado. E sendo un crime de Estado, que o é, é un crime contra a humanidade. O Estado ten os instrumentos para remediar a desfeita, e de non telos, para iso está o Parlamento, para promulgar leis que o apoderen e así liberar ás poboacións oprimidas e escravizadas. A esperanza, a autoestima, e a fe no futuro e nas propias posibilidades definen á democracia e á liberdade. Onde iso for ausente xa sabemos que non hai democracia; en Ourense son ausentes. E onde non existir eses valores podemos dicir, sen reparos, que reinan o servilismo, e o servilismo non é outra cousa máis que a cara maquillada da escravitude.

En Ourense un 40% da poboación vive na pobreza, coexistindo cunha mafia que se apropia o 35% dos orzamentos en forma de soldos directos, para xa despois utilizar o outro 65% a dedazo, despachando contractos coa máis absoluta indiferenza aos criterios máis básicos dos valores intrínsecos á meritocracia.

Igual daría que non houbera precedentes noutras democracias que por uns motivos ou outros tiveran que suprimir gobernos locais para ceibar a cidadanía das gadoupas das mafias usurpadoras do poder, mais hainos, a moreas, e en países moito máis rodados có noso no que atinxe á democracia. Xa logo, a inacción deste noso Estado só a pode explicar a covardía. E onde reine a covardía non hai esperanza de nada. Ourense vaise, e vaise perante a criminal indiferenza de cantos miran.

Wednesday, February 17, 2010

Tempos atribulados

Era o catro de abril do 2009 cando eu publicara este artigo en xornal.com. Vendo o pouco, ou nada, que melloraron as cousas, e antes de compartir cos compañeiros viaxeiros internautas a miña próxima leria (continuación desta), engado este controvertido artigo (porque cando se trata de lle tocar nos soldos á xente, xa sabemos que a controversia está servida) ao meu blog . E, completamente divorciado da acritude, contábao eu así:

O outro día lía no New York Times que os mestres e profesores de Montgomery County, Maryland, rexeitaban a suba do 5% que tiñan garantida por lei contractual. Velaí a súa pequena contribución ao ben común, a grande, a verdadeira, é ter xente desas conviccións cívicas nas aulas escolares. Rexeitan a súa suba uns Servidores Civís cuxo soldo medio é $67.000, o que, para Montgomery County, Maryland, é unha cantidade modesta. Esta manifestación de civismo, servizo civil e solidariedade coincide coa depredación dos enxertos en raposo de A.I.G. que decidiron no medio duns nefastos resultados empresariais -os peores, sen precedentes- repartirse en primas 168 millóns de dólares. Cartos que nin eran dos fondos da empresa. Fago referencia a estes dous casos para contrastar as diferenzas dos valores e principios que guían ás persoas que senten e valoran a cultura do Servizo Civil cos deses híbridos enxertos malogrados que están sempre ao axexo de atopar novos buracos na normativa legal por onde se filtrar para seguir depredando. Tódalas sociedades teñen oportunistas malvados, a feixes; iso está claro. O quen non está tan claro é se tódolos países teñen suficiente xente coa entrega ao Servizo Civil comparable á dos mestres e profesores do sistema escolar de Montgomery County. Velaí a diferenza. Velaí o factor determinante de que países han saír desta crise máis cedo, máis tarde, ou aínda tamén dos quen nela han quedar esborrallados, atrapados nun continuo de nepotismo endogámico parasitario.

Mais indo ao noso: o terrible estado da economía española, axiomático, alomenos no que atinxe ao paro. Esquezámonos de institucións tales como The Financial Times, The New York Times, ou aínda tamén do The Wall Street Journal, deamos por feito que non son tres manifestación dun único deus verdadeiro nin Paul Krugman -co seu premio Nobel de Economía ao lombo - o seu profeta. Aceptado. Pero, e sen levar ao Olimpos ás susoditas institucións, cuxo ronsel e prestixio, malia os erros e equivocacións que se lle poidan apuntar, é indiscutible, e sen beatificar a Paul Krugman, cuxa sabenza xa non será moita, mais foi quen de predicir a catástrofe na que se atopa o mundo, non é un despropósito (se é que aínda todos vivimos no mesmo plano da razón) suxerir que algunha desas voces poidan ter algo que aportar, e reclamar de nós mesmos a sensibilidade e humildade de escoitar. Todos eses xornais, de filosofías dispares, e un deles pola propia e afiada pluma do celebre economista, auguran tempos moi difíciles para España: o mundo sofre, e moito, mais España esborrallase. Ese é o consenso. Hai indicios de que esa é tamén a realidade. Oxalá se equivoquen... aínda que sexa só unha vez máis.

Agora que os anos da soberbia hispánica, con tódalas petulancias máis afíns a ignorancia e tódalas impertinencias propias do novo rico, dan paso ao pánico, inducido polo que todos vemos vir: probablemente un 20% de paro -esperemos que a cousa quede aí, pode ir a máis. É verdadeiramente arrepiante reflexionar sobre iso: un 20% da cidadanía ao paro. E os dous grandes partidos de ámbito estatal, no medio de tódolos desencontros, crispacións e cacerías, insultos e ameazas, talantes e toleiras, coinciden nos asuntos máis mundanos: o bandullo. Sempre o bandullo. Os dos afirmaron que de xearlle o soldo aos Funcionarios, nin pensalo. E iso mentres os contribuíntes, que pagan os soldos do Servizo Público, ou sexa, dos Servidores Públicos (que xa vai sendo hora de que lle chamemos polo seu nome, así, Servidores Públicos ou Servidores Civís) ven os seus ingresos minguar, os seus traballos desaparecer; os seus Servidores Civís engordar. Xa non só han evadir unha reducción salarial que axudara a evitar o esmagamento de quen lle paga os soldos; xa non só ha evadir unha conxelación dos soldos (o mínimo que se pide nunha sociedade solidaria e civilizada en épocas de crise), han ter suba. Si, no medio desta catástrofe, suba. Que vos parece? Díxoo o goberno e concorda a oposición. Velaí a palabra solidariedade asumindo novos e desafortunados significados: ínfulas, soberbia, condescendencia... Velaí vestixios da cultura feudal infiltrados no Estado de Dereito. Velaí a democracia rebaixada, amarrada polas oligarquías partitistas que a subordinan aos reclamos do bandullo.

Haberá algo máis sensato ca xear os soldos do Servizo Público (reitero, pagados polos contribuíntes, que non lle deben nada a ninguén) e destinar esas aforras a aliviar a dor e angustia dos parados? E aínda non é ningún despropósito, en caso de deflación, baixar os soldos en forma proporcional ao efecto deflacionario, garantindo así o poder adquisitivo dos empregados, aumentando a competitividade do país para que poida rescatar aos parados, e, ao tempo, ceibando algúns cartos para axudar aos desempregados neste período de desesperación. Cartos que -non quede dúbida - irían ao consumo e axudarían a combater a deflación.

Toca reflexionar, é nos tempos de tribulación cando os pobos amosan a súa verdadeira natureza. Son tempos de definición. Os alicerces dunha sociedade non poden ser a avaricia, a soberbia e a mesquindade da condescendencia, e todos sabemos como remata a fábula da galiña dos ovos de ouro. Agardo que aprobemos a gran proba e floreza en nós a grandeza que nos afirme para Nós e para os tempos como un pobo que ten algo que contribuír a esto que chamamos civilización.

Estou plenamente seguro que os contribuíntes (os únicos donos das arcas públicas) prefiren que o diferencial dos soldos coa deflación sexa destinado a mellorar a competitividade do país e a axudar aos desempregados. E quede claro, toda acción contraria ao sentir dos contribuíntes, por moito consenso hipócrita que haxa nos vertedoiros da política pasaxeira, non deixa de ser ilexítima e fraudulenta, e neste caso, aínda tamén completamente contraria ao ben común; quizais, mesmo, suicida.

Sunday, February 7, 2010

Galicia, territorio colonizable

Paréceme correcto, correctísimo, que se o Goberno do Estado honesta e verdadeiramente cre que que a lei de caixas aprobada polo Parlamento de Galicia invade espazos que a Constitución lle outorga a outras institucións, tome as accións necesarias para que prevaleza a orde institucional consonte a Constitución; a anarquía certamente non é alternativa. A anarquía quizais sexa a doenza máis grave do fecundo de doenzas que aflixen e desanaquizan a España, e, mesmo, o motivo central de que os máis dos países do noso entorno haxan superado a recesión namentres nós cada día nos atopamos máis preto do abismo suicida. Non obstante, os galeguistas progresistas, tal é servidor, das varias cousas das que podemos acusar ao goberno de Nuñez Feifóo, menosprezo e acritude á Constitución non se atopan entre elas. Xa logo, se damos por asentado que o goberno galego actual é eminentemente amigable aos preceptos constitucionais e españolistas, ¿Por que, ofrecéndose, como de feito se ofreceu, xunto co liderado do BNG (coautor parlamentario da lei de caixas) a despachar co goberno do Estado os aspectos da devandita lei que puideran desmarcarse da Constitución, o goberno de Zapatero os ignora e insiste en neutralizalos?

Das moitas lecturas ou resposta que se poidan extraer da reacción do goberno estatal ante a lei de caixas aprobada polo Parlamento de Galicia, hai unha da que pouco se fala, probablemente porque haxa moito que dicir: Galicia é territorio colonizable. O goberno estalle a dicir ás “potencias” que constitúen o Estado – todas elas con leis de caixas homologables á galega - que aos territorios non lle imos permitir que entorpezan a súa expansión económica e comercial nos seus “lexítimos” espazos históricos de explotación. En Andalucía (último territorio en ser admitido na Unión), Madrid, Cataluña e Euskadi todo vale, goberne quen goberne; en Galicia, Asturias, ou Murcia – por nomear algunhas - é outra cousa. Acabouse aquilo do café para todos; quizais nunca tal cousa houbo.

Sendo - como admite Caamaño - a lei galega case idéntica ás catalana e andaluza, e sendo estas anteriores á lei estatal, non sería máis coherente que o Goberno decidira constitucionalizar esoutras leis, abeirándose no indiscutible: a primacía da lei estatal, deixándolle así ben claro ás outras comunidades autónomas que por eses vieiros non se pode camiñar. Nin uns, nin outros. Mais non o fixeron, nin pensaban facelo. Entón está claro: o problema non é esa terrible hostilidade que Nuñez Feijóo lle leva amostrando á Constitución, e aínda moito menos ese entrañable amor, digno dunha pregaria matutina, que lle leva demostrando o zapaterismo.

Está claro que o Estado das autonomías tal como foi concibido e configurado - aquilo de café para todos -, con tódalas súas carencias, ía tirando. E funcionaba porque existía a premisa de que tódolos españois conviviamos nun mesmo espazo xurídico, aínda naquelas Comunidades marcadas pola desafección se recoñecía que os principios de solidariedade e igualdade eran inapelables, e mesmo desexables. Que esa igualdade entre os españois sería ameazada e desafiada é algo que moitos dabamos por feito, o sorprende é que fora o partido político máis histórico e solidario da tétrica historia da democracia española quen barrenara a condición de igualdade e solidariedade. No persoal, a hipocrisía do PSOE sabañóame dúas veces: unha, por galego; outra, porque tamén teño sido votante do PSOE.

Repasemos os últimos acontecementos empresariais de relevancia, busquemos a man do goberno zapateriano, e reparemos nas consecuencias: O caso Endesa –punto de partida de decadencia industrial de España- , nin por un instante o goberno de Zapatero intentou una fusión correcta e digna entre Gas Natural e Endesa, fusión que resultaría nunha xigante a nivel mundial. Mais a avaricia catalana engadida á ineptitude zapateriana puideron máis cá razón. Non só nos privamos de ter unha grande empresa capaz de xerar riqueza e emprego e de competir a nivel mundial, senón que abrimos a billa do desangre industrial de España, e consecuente decadencia. O caso Fenosa, certo, fallaron os empresarios galegos, mais a man de Zapatero non apareceu por ningures ofrecendo apoio moral a favor de que Fenosa quedara onde pertencía. Hai moitos outros caos: estaleiros, industrias leiteiras, madeireiras, e un longo etcétera. Non obstante, arestora a única pregunta é ¿cal das dúas caixas lle prometeron a La Caixa e cal a Caja Madrid?