Sunday, July 25, 2010

Aínda onde os pais a demanden

Rematou a festa do fútbol, gran festa da que moito desfrutei, e a medida que imos retomando a realidade vella, as cousas que alí estaban antes do gol de Iniesta alí fican todas elas: o paro, 20%; o pobo catalán, frustrado; as perspectivas económicas, arrepiantes; e a lingua propia do noso pobo afogando nos vertedoiros do desprezo. Penso nos rapaces da selección, sei que outros que antes ca min os invocaron foron catalogados de españolistas patrioteiros frívolos e banais, e pregúntome, ónde haberá maior frivolidade ca desprezar os intres de alegría que de vez en cando nos agasallan as circunstancias. E non, non foron poucos os sabios desta nosa terra que cegos por unha egolatría clínico-narcisista así sentenciaron a ese noventa e moitos por cento do de nós que ben abondo da festa desfrutamos, e plenamente con eles nos identificamos. Mais noutro ar voan hoxe as miñas preocupacións. E penso que se nós fósemos coma os rapaces da selección, cada un entregado á defensa do seu posto e ao tempo sempre dispostos a saír á axuda dos compañeiros, guiados nestes tempos novos polos máis antigos dos valores, valores que nunca foron vellos: orgullo, disciplina, educación, prudencia, entrega, valentía, respecto, e sobre todo solidariedade, ou sexa, exemplares. Antíteses desa clase política que cada día nos abafa un pouco máis nas lameiras da súa soberbia desmesurada. Dos sabios, hoxe, non imos dicir máis nada. Se nós fósemos coma eles atopariamos a maneira de edificar cousas novas, reinventándonos na confianza e na lealdade (enténdase “lealdade” como ética, sinceridade, honestidade, integridade, veracidade, autenticidade). Pois é aí (na confianza e na lealdade) onde podemos atopar as forzas que endereiten os herdos tortos e labren un mundo sen linguas propias envorcadas nos vertedoiros do desprezo, sen pobos asumidos na constante da frustración, sen millóns de parados sepultados nos calvarios da desesperación. Mais nunca renunciar ao futuro, nin caer na desespera; se cadra nós somos algo coma eles: eles veñen de nós. O que non sei é de onde chispas veñen eses corvos que nos gobernan e mailas insaciables panteras que nos axexan. Viñeran de onde viñer, quede claro, ou as arrebolamos do outeiro ou han continuar prohibíndonos o paso, á procura de que as xeracións vindeiras non atopen os camiños herdos, para que nin restos das nosas pisadas neles queden. Sabendo, como saben, que os camiños sen pisadas deixan de ser vieiros, agardan pola forza do esquezo que os borre para sempre.

Imos co tema: Leo nos xornais do país – asombrado polo pouco que me asombro - que a consellería non ha permitir a inmersión lingüística en galego en Educación Infantil aínda onde os pais a demanden. O de permitir ou non permitir non é o que máis me inqueda, mais a afronta e desprezo á potestade paternal fáiseme difícil de entender e imposible de sortear: Aínda onde os pais a demanden. Ou sexa, non se trata accións que repousen a súa xustificación naquilo de frear imposicións, todo o contrario, estamos perante unha imposición: negarlle un dereito, nos ollos de non poucos, indeleble, aos pais que o reclamen. Hai algúns precedentes no mundo, poucos, e os poucos que hai, malos, onde un país lle nega á cidadanía a inmersión lingüística na súa propia fala. E deses poucos non son capaz de nomear nin tan sequera un que se distinga polo progreso e a prosperidade; pola contra, case todos existen nos vertedoiros da miseria e da ruína, alleos á dignidade. Ou sexa, viven na permanencia da renuncia ao futuro, fuxidos das súas propias raíces, as únicas que poden sustentalos.

O de “na súa propia fala”, que arriba así o usamos, non é unha opinión de quen o escribe, é un artigo de lei plasmado no Estatuto de Autonomía de Galicia: “A lingua propia de Galicia é o galego”. Artigo 5, primeira entra. Lacónico. Clarísimo. Axiomático. Non hai maneira máis claro de deitalo, ao parecer tampouco formas máis abusivas de ignoralo. Non vexo, por ningures, ambigüidade. Aínda no fecundo das peores intencións e na acritude e virulencia das interpretacións máis hipócritas é incomprensible ese “aínda onde os pais a demanden”. Certo, a segunda entrada do mesmo Artigo dinos “Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Dous puntos que cumpre subliñar ao respecto. Un: ninguén o nega, e aínda moito menos os pais que reclaman a inmersión en galego. Dous: di, “os idiomas galego e castelán”, ou sexa, a primacía do galego como artigo de lei é indisputable, inapelable nunha sociedade onde a lei for respectada. E sendo a anarquía o cénit da decadencia, a lei reclama ser respectada. Mais non de nós – e aquí non zafa ninguén -, para maior desgraza do país, nós só nos lembramos que a lei está aí para ser respectada cando nos verten vinagre sobre as chagas: aquilo de Santa Bárbara e mailos tronos.

Retomando o tema: aínda máis indisputable ca primacía do galego como artigo de lei, consorte o Estatuto de Autonomía, é a realidade sociolóxica e maila historia deste recanto de humanidade que somos nós. E para algúns, penso que aínda moitos, tamén as lembranzas da nosa infancia galega monolingüe, anterior a tódolos artigos de lei e completamente allea ao castelán. Allea, que xa non enfrontada. Lingua, esta (o castelán), na que demos os primeiros pasos xa cando andabamos ben adentrados nos anos escolares, algúns xa rabuñando a adolescencia; logo, as primeiras verbas que alimentaron a nosa esencia foron na lingua propia do país. Este monolingüísmo galego da nosa infancia non naceu de ningúns postulados de natureza política, sendo anterior a tódalas demagoxias, que non son poucas, e repousa na memoria perdurable, que nunca é moita, mais iso se nos permitimos o simple exercicio de relembrar.

Alleos por completo ao castelán nunca fomos, tiñamos os sermóns de “Los domingos y fiestas de guardar”, as películas dominicais, e tamén “Los cuarenta principales”. Mais esas distraccións, as máis das veces afables, pouco tiñan que ver coa nosa vida e nada coa fala viva: os sermóns duraban media hora, uns máis aburridos ca outros, ningún de influencias perdurables. A película, hora e media, hora e media de penumbras ilusións e fantasías. E “Los cuarenta principales” eran benignas efemérides políglotas. O mundo regresaba ao galego, de onde nunca se había desmarcado. E alén de tódalas valoracións do galego, non caben dúbidas de que se nos ceibásemos dos prexuízos, nos desprendésemos do odio e nos movésemos por forzas alleas aos recalmos do bandullo, afirmar que a lingua propia de Galicia é o galego, e actuar en consecuencia, non sería ningún despropósito, ningún desprezo a nada, a ninguén; sería unha simple afirmación da nosa realidade máis íntima. Pois iso é o que é. Penso que aínda os máis obstinados inimigos da fala recoñecen esa realidade. E sendo así, que é así, que falla? Que causa que un gran número da poboación fuxa da fala como se esta for un cabestro maldito?, e o fagan de tal maneira que queiran arrastrarnos con eles coma se nós puideramos borrar a esencia da nosa propia existencia.

Aceptado, hai galegos que rexeitan a fala, Deus saberá por qué. Non vou culpar aos que andan fuxidos nin mofarme das súas fobias. As súas fobias, non por irracionais deixan de ser reais, e están aí, e haille que buscar solución. Culpo aos que nesas fobias depredan, infundindo aínda máis fobias e depredando aínda máis. Fobias que guían a un gran número da nosa xente - nosa, nunca dar iso ao esquezo – aos camiños do engano, aos vertedoiros do desprezo. Sen perder máis tempo, os que saben e poden, deben, de contado, comezar a traballar na identificación das múltiples fontes que alimentan as fobias que aflixen á nosa xente, amostrándolle o camiño da fala, na certeza que nese camiño ninguén ten que renunciar a nada.

A diferenza dunha tribo, ou dun rabaño bovino, un pobo defínese pola complexidade e diversidade social. Non obstante, esa complexidade social, altamente diversa – doutra maneira non é pobo -, ten elementos que o singularizan e definen, un deses elementos que o singulariza é a lingua. Os galegos que rexeitan a lingua porque poidan identificala con proxectos políticos alleos ao seu sentir e aínda se cadra ofensivos as súas conviccións, necesitan saber que nun pobo maduro, culto, plural, dinámico e avanzado, tódalas ideas, todas, tódolos ideais, tódalas maneiras de ser, ver, sentir e entender a vida se expresan na lingua do país. A lingua é o elemento singularizador por excelencia, fogar común. A partir de aí, cadaquén a cargar coas súas conviccións manías e opinións. Quen guste da festa que a desfrute, e cadaquén manda no seu balcón; quen non, que apague o televisor. E de urxencia maior que iso se saiba e se acepte, de non ser así, o galego vaise. Non lle deamos máis escusas aos inimigos da fala. Expoñamos a súa hipocrisía. A lingua ou é de todos, ou non é.

Nun ámbito de escola pública houbérame parecido correcto que a consellería non autorizara a inmersión lingüística en alemán ou inglés a un grupo de pais que o solicitasen, podía alegar entre outras cousas que os cartos de todos non poden ser utilizados para o beneficio duns poucos, pero a lei suprema de ámbito autonómico: o Estatuto de Autonomía - libre de toda sospeita anticonstitucional - claramente di que hai dúas linguas oficiais, tamén coa mesma claridade afirma que o galego é a lingua propia do país. De tal afirmación, se nos afastamos das malas intencións, por forza da razón, só cabe unha conclusión: nun ámbito galego o marco xurídico recoñece a primacía do galego de maneira explícita. Na ausencia dun consenso sobre a lingua e o ensino – que houbera sido o preferible -, negarlle a inmersión lingüística ás familias que a reclamen amósaseme unha mesquindade, pois esas accións prívanas dun dereito inalienable.