Thursday, October 14, 2010

A Lingua: Corpo Vivo do de Nós

Non é ningún despropósito que o PPdeG haxa considerado un erro o decreto do galego do goberno Bipartito, que o puido ser, e consecuentemente o revocara. Non obstante, o coherente no goberno actual, consorte as promesas electorais, houbera sido restaurar o consenso – o único consenso - que saíu do Parlamento de Galicia, todo o demais é simple vinganza cega contra crimes que só existen nos paranoicos mundos alleos á realidade do de nós. Embarcar nun ollo por ollo só nos garante afundir o país nas tebras dos tempos, onde tantos séculos ficou varado e extraviado.

Penso que non tiña alternativa o Presidente Núñez Feijóo cando decidiu mudar o desafortunado nome (reminiscencia de cousas que magoan a memoria) das escolas infantís que utilizaban (utilizaban…) o galego como lingua vehicular, e aí remataron os acertos do Presidente. Tanta présa para tan pouco… E aí comezaron de novo a sangrar as feridas no Corpo Vivo do de Nós. O das galescolas –na miña opinión, e na dalgúns máis-, foi un erro. Foi un erro nos modos e formas que xa non no fondo: é –porque ten que ser- indiscutible que no espazo propio do galego os pais que así o soliciten teñan o dereito, inalienable, de estenderlle aos seus rapaciños o uso do galego como lingua vehicular, e, mesmo, nos primeiros anos do ensino estenderlle esa cortesía aos meniños de fala castelán, ofrecéndolles tamén espazos na lingua vehicular coa que se identifican no seo familiar. Nos primeiros anos do ensino, introducir os rapaciños polos vieiros máis amenos, ao abeiro da mornura da fala que acaricia os seus oídos no mesmo instante de espertar, no alborexar da súa existencia, na seguridade do seu fogar, amósaseme completamente natural. A fala é unha extensión natural do fogar. Se esto se fai ben, pensado no ben, e limitándoo aos primeiros anos escolares, non vexo, por ningures, risco de segregación ou fragmentación social. Os primeiros anos do ensino son para introducir os rapaciños á escola, sen traumas nin fobias. Non obstante, desde o primeiro día de escola é un deber irrenunciable apousar a nosa lingua no corazón dos meniños, guiándoos ao niño da fala, ensinándolles a aceptar algo tan irrefutable como que Galicia ten unha milenaria lingua de seu, e que esa lingua é de todos. De todos, si, pero sobre todo deles. E que aínda cando neste intre algúns poidan non coñecela, motivalos coa promesa que pronto han ter a oportunidade de disfrutar dela, con ilusión, sen medo, e sen fobias. Ensinarlles a querela, porque querer é o estado natural do corazón dos meniños; porque o corazón é moi grande, e os adultos esquecémonos que o dos rapaciños late cunha tenrura dilixencia e precisión inconmensurable. O agarimo é o compás que os guía coma pombiñas no voltar ao seu pombal. Ao pombal da fala só se pode voar coa forza do amor. Nós, os adultos, que xa podemos ter o corazón algo murcho, non descarguemos as nosas eivas na inocencia efervescente destas adegas do amor inconmensurable. Que iso son os meniños, adegas de amor esperanza e agarimo. Apaguemos, pois, os ruídos perversos que nos magoaron o acordo, pechemos os ollos e en silencio absorbamos os anacos de lembranza que aínda nos quedan de nós mesmos, e espertemos perante a realidade de que a nosa voz morre coma un eco rebotando nos outeiros se non ten acollida nas gorxas das crianzas que a volvan facer berro.

Se as benvidas a academias estranxeiras e nomear galescolas as escolas infantís de lingua vehicular vernácula foi percibido como unha innecesaria politización do máis prezado patrimonio do noso pobo, moito máis terribles son os agoiros deste desnorte calculado que arestora descende sobre nós: retornar á diglosia castelanista, para así finar con toda esperanza de coexistir en harmonía, na plenitude da nosa identidade, reconciliados coa nosa realidade máis íntima e afirmativa.