Thursday, October 23, 2014

Rémoras das verdades máis evidentes

Sen entrar en valoracións da malograda lei do referendo catalán –para iso están os xuristas e mailo Constitucional–, se a intención era facer unha lei seria e non unha trapallada habilmente artillada polo podredoiro político para máis gloria do fecundo da podremia, é de supoñer que viñera prologada coa condición irrenunciable e claramente definida de acadar unha maioría incontestable, necesaria para aquelas accións políticas que de feito alteren de fondo a orde  constitucional; ás trapalladas todo lle vale, abóndalle cunha participación dun 40 ou 50 por cento do electorado e desa porcentaxe o 50 por cento máis un, coma se tratase das normas de uso dos retretes públicos. Relémbrese que os partidos separatistas cataláns nunca presentaron un proxecto de actualización e dinamización da Constitución, Constitución que eles axudaron a redactar.  Onde está a súa proposta de reforma constitucional que inclúa o dereito á secesión, demarcando claramente a porcentaxe da masa social necesaria para validar algo de tal envergadura? E onde está o seu labor diario na procura de alianzas en todo o Estado en defensa tal reclamo? Para decidir, antes haberá que definir e establecer os marcos decisorios. Todo o demais é esconder ineptitude odio e calumnia detrás das medias verdades. A calumnia e maila hipocrisía son vellas hábiles rémoras nutríndose das defecacións das verdades máis evidentes.

Non obstante, quedou en evidencia que a Constitución  ten deficiencias, e faise necesario que os partidos comecen a pensar en emendas serias e rigorosas que dinamicen a orde constitucional, para así permitir lexislar vías que faciliten a saída –dentro dos marcos dun mandato incontestable– daqueles que non queiran estar. Os que non queren estar sempre sobran. E sobran porque rematan sendo unha carga: infunde inestabilidade e inseguridade xurídica, son unha disuasión ao investimento e ao desenvolvemento, e exercen influencias nocivas sobre o civismo a solidariedade e a cultura. E aínda peor, a fatal dun marco legal onde airear o sentimento separatista alimenta a insidia a infamia e a calumnia. Non hai furto máis danoso ca privar a unha sociedade do dereito fundamental á verdade. Non hai veleno máis destructivo ca aquel que contamina á verdade e deshumaniza o alleo. Os debates secesionistas necesitan dun  ámbito xurídico ético, moral e honesto, onde se librar. A verdade foi –é– a primeira víctima do separatismo catalán.

O separatismo catalán non traballa en prol dunha reforma constitucional que recolla os seus reclamos porque cada día está máis claro que para o eles isto é unha guerra, e en tódalas guerras  a mentira e maila calumnia son armas autorizadas, normalizadas e aínda dignificadas. Cando unha destas armas perde forza destructiva "Espanya ens roba" axiña se incorporan as innovacións necesarias para manterlle a puxanza e capacidade destructiva; velaí ese “España nos corrompe”. Compleméntanse estas armas de destrucción co acoso á lexitimidade do Tribunal Constitucional (antíteses de reforma constitucional): indispensable descualificar as institucións máis  emblemáticas do inimigo. Deslexitimado o TC, ou sexa, unha vez aceptada a calumnia como arma normalizada e dignificada, o paso da  calumnia á deshumanización é inevitable, e de aí á demonización pouco queda. O “adversario” pasa a ser inimigo; a veciñanza inquisitiva ou opositora, apóstatas. O apóstata hai que silencialo, afogalo. O inimigo hai que destruílo. Pero quede claro, para destruílo é absolutamente necesario deshumanizalo e demonizalo, e ao tempo dignificar a barbarie. Precedentes?, a feixes. “Yo no he asesinado a nadie, yo he ejecutado. No me arrepiento”, Josu Zabarte, O  carniceiro de Mondragón. Esta é a nova moral do nacionalismo catalán.  Esta nova Cataluña, fonte de difamación, xestada  en trinta anos de odio corrupción e fins de semana en Andorra, sobra. O mellor, para todos, sería habilitarnos cos instrumentos legais que facilitase a saída dos que verdadeiramente se queiran ir. Pero tamén garantir –sen reparos e ata as últimas consecuencias–, o irrenunciable dereito á verdade.    

Pero como a mentira como arma de destrucción masiva vén con data de caducidade, córrelle présa amosar a súa forza antes de que se desactive a súa capacidade destructiva. Para detonala con eficacia e efectividade é necesaria a atención do mundo e ante este prostrarse como   víctimas do Estado represor. Mais o mundo está ao borde de eventos cataclísmicos onde as megalomanías duns insignificantes dunha esquina da Iberia pronto han ser eclipsadas por outras realidades máis apremantes. Logo, aquí estamos, entre as calumnias duns e as intransixencias doutros, cunha Constitución mellorable, enlouquecidos nunha incompresible carreira camiño da autodestrucción, perante un cada vez máis indiferente orbe que nos mira con toda a moita repugnancia que nunca é tanta como a merecida, sementando odio por tódalas esquinas da nosa xeografía coa esperanza de que nalgunha prenda o xoio.  E conste, a palabra “violencia” xa saíu da boca do propio Mas.

Tuesday, June 3, 2014

Existimos porque somos diferentes

Acepto como axiomático que reclamar para o galego a grafía da lingua portuguesa é tan lexítimo como defender a oficial (a da RAG). O que non é lexítimo, non pode selo, é aceptar a presencia de institucións alternas e aínda alleas que desacrediten e lle resten identidade ao galego. Na situación actual da nosa lingua, todo aquilo que non contribúa a fortalecela xa de seu contribúe a debilitala. 
 
Precedentes non faltan dunha mesma lingua ser expresada con grafías diferentes -mesmo alfabetos diferentes- en territorios adxacentes: o serbocroata; dunha lingua mudar por completo de grafía, e aínda de de alfabeto, cando as circunstancias así o  recomendaban: o turco; de dous ou máis dialectalismos existir con nomes e normativas diferentes en cadanseu territorio e as súas diferenzas ser abrazadas, aloumiñadas e alimentadas con ese agarimo que só se corresponde a aquilo que nutre a identidade e afirma a singularidade: o montenegrino e mailo bosníaco. E aínda case se pode dicir outro tanto do checo e o eslovaco, do holandés e o alemán. O galego e mailo portugués non son unha excepción; non é una rareza atoparse cun continuo dialectal con nomes e normas diferentes nos territorios correspondentes. O que si é unha excepción é a crecente falta de respecto á identidade singular do galego. E aínda cando as conveniencias dunha aproximación ao portugués son obvias, case tan obvias como  notables os riscos, Galicia existe de seu. Toda discusión ten que partir desa afirmación, do recoñecemento desa realidade sen ningún tipo de ambigüidade. Os séculos que nos caeron encima fóronlle dando xeito a isto que agora somos: galegos. É o que somos. E sómolo tal somos. Existimos precisamente na afirmación das nosas diferenzas. E nada, absolutamente nada, nin o máis prezado concibible é de tal valor como para asumir o risco de deixar de sermos nós.  
 
Sendo xa tantos os séculos que sobre nós se foron debullando, e se pomos en perspectiva que o legado máis grande de calquera cultura é ela mesma, como podemos dubidar do valor da nosa?  Cada día do noso pasado que borremos da memoria colectiva, unha letra, unha palabra, un forma  de sentila, de escribila e de falala, é un algo de nós que deixa de existir. Un algo da nosa esencia que queda para sempre no cemiterio dos tempos. No medio de tanta escuridade, neste longo e frío inverno de noites interminables, apagar as poucas luces que nos enfían á alborada. Na formación das esencias non hai días bos nin malos; todos contan, todos suman, todos eles son auga e barro. E por iso que aínda cando concordo cos que argumentan que os camiños do futuro están todos por andar, non abrigo dúbidas de que o camiñado non se pode desandar.  Logo, cautela. Cautela porque camiñar de costa e tropeza non é un accidente, como tampouco o é esbandallarse por correr por riba dos límites recomendados; son ámbalas dúas incidencias consecuencias de non recoñecerse na realidade máis inmediata e nela buscar abeiros e espazos onde gardar as inquedanzas. Tódolos camiños queren o seu paso, e para enxergar os horizontes é preciso erguer os ollos ao camiúñar. O destino nunca queda atrás.    

A fortaleza do galego non é tanta como para sobrevivir caídas que o poidan derrear. Setecentos anos por camiños diferentes non son fáciles de atallar. U-los atallos, desviarse dos camiños marcados no tempo, deixar de ser guiados polas voces familiares, deixar que a broza se apodere das pisadas herdadas. E iso o que buscamos? Non será mellor seguir nos nosos vieiros, confiarnos aos impertérritos brazos dos cruceiros, alimentar a nosa identidade evadindo aventureirismos que poidan a moitos deixar nas lameiras varados e esgotados, sen forzas que os reconducir á alborada. Sen máis pausas cás necesarias nin máis presas cás requiridas, camiñar. Atentos ao soliloquio que vén de adentro, que ese nunca nos ha traizoar. A alma dun pobo, a súa conciencia colectiva, non se pode impoñer nin xulgar e aínda moito menos “purificar”. Un galego des-singularizado non ten nada que lle ofrecer á nosa identidade: Se existimos é precisamente porque somos diferentes.

Monday, January 6, 2014

A mentira como medio

Que ninguén se equivoque, os preguiceiros vividores folgazáns eses que viven á conta da Cataluña productiva somos nós. Nós os galegos, que xunto cos estremeños e mailos andaluces somos cerne e miolo da “L'Espanya subsidiada” que vive á conta da sufrida e productiva Cataluña. E nós, os estremeños e mailos andaluces somos cerne e miolo de “la España que nos roba”. Nós, eses ladróns somos nós. Case nada, todo tan nitidamente encapsulado nunha lacónica manifestación de deshumanizante e vil desprezo. E perante esa afronta, pois claro, a gardar ese responsable silencio solidario de nación periférica. Ese sobrio e responsable silencio queda plenamente xustificado naquilo de que tódalas causas reclaman os seus sacrificios. O noso - solidarios e sacrificados que somos -,  perante tan augusta e nobre causa, é aturar a calumnia, sen replicar. Que barbaridade… Se algún recuncho non mundo queda que non ten débedas por pagar, é Galicia. Nada debe. A ninguén. E conste que de darse o caso, case seguro que sería máis livián cargar coa fame. E un preguntase: desde cando o secesionismo non pode ser defendido desde a decencia e a ética? Cando foi que a verdade se converteu nun estorbo? Tanto pesa que xa ninguén quere cargar con ela! Por que tanta mentira? A mentira é unha manifestación da maldade, refuxio do ruín. Por que esta entrega ao rancio fedor da calumnia? E de entre o de nós, aqueles que vexan en España un desprezable adversario ou unha ameaza que anden amodiño, e antes de fiarlles as costas aos seus productivos “aliados” unxidos nos óleos da condescendencia e beicidos polos deuses da soberbia, saiban que a coitelada está servida. Desta, tamén merecida.  

Defender a independencia, defender o que for, mais nunca, nunca!, deshumanizar aos demais. O argumento do roubo e mailo subsidio é calumnia, é indigno, é un entregarse á mentira como medio. É maldade. Ou sexa, é fraude. E nin a defensa da unidade de España nin o secesionismo necesitan de máis argumentos ca verdade. Os vieiros da verdade só levan á verdade. Será ese o problema?  Non obstante, seica o  Mais en mailo Junqueras (ámbolos dous o dixeron) agora sente afecto por nós. Se miramos ben de onde ven a cousa e todo o que se leva dito, desde “la España que nos roba” a “L'Espanya subsidiada”,  que os dos líderes do secesionismo catalán profesen agora sentir afecto por nós, os vagos preguiceiros que vivimos  “a costa de la Catalunya productiva”, non deixa de ser, neste empobrecido mundo do “sound bite”, un insulto máis aos que aínda nos enredamos no exercicio de pensar.  Non confían en España pero aman aos españois. Algo é algo; si, algo así coma o agarimo que se sente por un can doméstico do que se da por feito a intermitente travesura. Velaí aí o clímax da condescendencia. Velaí o máis ruín dos insultos. Canto mellor non estaba a cousa cando polo menos a clarividencia do desprezo era incontestable.
 
Calumnias e barbaridades aparte, é un dereito e un deber de toda comunidade humana defender os seus intereses (dentro dos marcos éticos universalmente recoñecidos), mais nunca depredar naqueles que perciban como máis débiles ou difamar para alimentar ambicións persoais. Non hai causa que xustifique a calumnia. E, como galego, confeso un repudio moi particular a cantos movidos pola avaricia, o odio ou o menosprezo incorran na sabotaxe para tratar de frear o investimento (merecido e necesario) para o desenvolvemento do país. E conste que a algúns xa non lle abondan os parlamentos do Estado para atacar e desprestixiar Galicia, agora seu xoio xa espalla por media Europa, salpicando as murallas Estrasburgo. Berran e reclaman frear os investimentos neses ningures inconsecuentes porque os cartos - de todos - fan falta para o eixo mediterráneo e mailos motores da economía do Estado. Esta difamación-depredación é particularmente desprezable cando é contra un pobo co  que se comparten lazos históricos que só poden ser obviados polas almas máis mesquiñas e os corazóns máis desnortados; ou sexa, por aqueles xa tan entregados a esa forma de odio disimulado (o do menosprezo e condescendencia) que se sente autorizados a publicitar calumnias tan desprezables como “L'Espanya subsidiada viu a costa de la Catalunya productiva”. Moi cerca, demasiado cerca, non tempo e no espazo (agardo que non nas intencións) doutras  vesánicas propagandísticas tan inesquecibles  como envelenada, das que non é preciso comentar.   

Nin o secesionismo nin o españolismo necesitan do abeiro da calumnia. A calumnia e maila mentira son e sempre han ser manifestacións da maldade. Alguén  imaxina ao gobernador de California dicindo “L'Luisiana subsidiada viu a costa de la California productiva”? Pois claro que non, tamaña mesquindade só é posible alí onde, abrigada pola escura sombra da hipocrisía, prende ás anchas a semente da bancarrota moral.  

Friday, December 13, 2013

Sombras de ruídos

Leo nos xornais do país que “A Xunta quere poñer en valor as fincas proclives a sufrir incendios”, que hai fincas que poden ser declaradas “fincas abandonadas", que o presidente da Xunta quere que o medio rural sexa "máis accesible para traballar e, por tanto, máis accesible para vivir". Mágoa que tanta palabrería sexa un simple monllo de falsidades. Sendo a realidade moi outra, esas declaracións só persegue aumentar o número de chupóns que viven do conto, xulgándolle o sangue ao contribuínte galego e ao tempo contribuíndo á destrucción do noso rural. Se verdadeiramente quixesen facer algo polo rural, comezarían por respectar a Lei Común Galega; ou sexa, suprimirían tódalas trapalladas burocráticas substituíndoas por unha Normativa Legal baseada na Lei Común Galega, dotándoa da necesaria seguridade xurídica. Onde houber seguridade xurídica e clarividencia legal no fan falta un exercito de de sabenadas dando ou denegando permisos para limpar e rehabilitala unha leira, e ningún papanatas de turno tería a o poder de reclasificar unha leira, de toda a vida, en “bosque consolidado de abeneiros”, como está sucedendo.

Pero non, de mentira en mentira, de hipocrisía en hipocrisía, de chupón en chupón, vemos como no ámbito europeo non queda unha sociedade en tanto perigo de extinción como a galega. Non obstante, a nosa gran preocupación non é o rural, nunca foi. A nosa gran preocupación é protexer o abeneiro. Símbolo e metáfora dos mil desnortes que van labraron a nosa decadencia e a destrucción do noso rural. Símbolo tamén do colapso deste noso país na irrelevancia total. Protexelo, mesmo alí dentro das hortas milenarias onde hai dous días reinaba o laranxeiro. Os dilixentes vixiantes do abeneiro son uns linces, cando se trata de xente humilde de aldea con catro ferrados de terra, mais perante as promotoras, as eléctricas e os grandes capitais transfórmanse nus morriñentos gatos borrallentos. Cada día está máis claro - se cabe - que tódolos berros en defensa do rural son simples espantallos, pretensións de ruídos, sen máis propósito ca ocultar o avance do silencio derradeiro que pouco a pouco vía espallando a súa fría e negra sombra sobre todo o rural. E no benévolo abeneiro ao moribundo rural lle receitamos un placebo.  

Todas esas lerias institucionais son eso, cando non falsidades. A realidade é que  en vez de adaptar a Normativa Legal á Lei Común Galega, fundamentalmente sabia, rural e aldeá, subvertémola e encabestrámola cargándonos con Medio Ambiente, Medio Rural e non sei cantas outras trapalladas burocráticas, todas elas chupando do contribuínte se dar nada a cambio, todas elas alleas á realidade do de nós. En tódalas grandes sociedades a Lei Común érguese como a adega, que é, da sabedoría colectiva acumulada co paso dos séculos, e na ausencia de coincidencias ten precedencia sobre as accións lexislativas; en Galicia apisoámola. Estas obsesións son propias de sociedades empobrecidas que confunde as arbitrariedades parlamentarias con democracia e a ruína do rural con protección medioambiental.  Que a maleza se apodere de todo, ata dos teitos, que non quede nin rastro da nosa existencia. Que esta derradeira reserva da esencia do país quede para sempre  sepultada baixo peso das brosas burocráticas. Pouco importa que nas aldeas non quede nin unha alma, con tal de que prolifere o abeneiro xa todos moi modernos, logrados e contentos. Organizaremos algunha que outro marcha, de cando en cando, e iremos estirar a goxa ás dunas de Corrubedo,  auscultaremos dilixentemente a presencia dalgún que outro ramallo e presentarémolo como referencia irrefutable dos nosos logros en prol da protección do rural namentres nas leiras milenarias ha continuar a proliferación do abeneiro.  

Non se trata de teimar, aínda que tamén, con Medio Ambiente e Medo Rural, pero si expoñelos como un pequeno bocado da inmensidade de mentiras, atropelos e lixo burocrático que estamos forzados a engulir coma se viviramos apisoados por barbudas botas caribeñas. Servizo Público e avasalamento público son dúas maneiras moi diferentes de entender a relación coa cidadanía. Nós vivimos avasalados. Nós vivimos tan apisoados que ata a matanza de febreiro, moitas veces centenaria e ancorada na Lei Común Galega – ónde haberá maior lexitimidade - ten que ser declarada aos comellóns municipais. Ata nos roxóns se meten.  Con todo, estou aberto - sen máis reparos cós necesarios, que non son poucos - a concibir a posibilidade de que houbese algo de boas intencións na creación desas burocracias, que o seu absoluto desprezo á Lei Común Galega emane da ignorancia e xa non da condescendencia e menosprezo que senten para coa nosa xente do rural. Mais a Galicia rural xa non pode sobrevivir máis boas intencións. E na ausencia dunha xestión competente quédanos o imposible como esperanza: que nos deixen en paz, que nos deixen ser.    E claro, no medio de tanta desfeita só queda una saída: emigrar. Si, emigrar é a única saída que lle queda aos pobos derrotados que xa perderon o derradeiro alento, que xa enterraron o espírito de resistencia.

Imos cus exemplos: “Galicia perde o liderado na producción de troita e gana Castela-León”.  Inconcibible, o país dos ríos incapaz de ser líder da industria da troita. Ah!, claro, os ríos fan falta, todos e non chegan a nada, para abeneiro, para fomentar fermosas frondosidades a onde se poidan ir desestresar os aprendices de burgués.  Cando nós aínda eramos nós, os abeneiros ocupaban os espazos que lle correspondían, a primeira fila do río, alí onde fan falta para frear as augas e aguantar as correntes. O resto das terras estaban para os cultivos. Non había, nin falta facían, “bosques consolidados de abeneiros”. Que é como lle din agora os ignorantes das burocracias á xente que vai solicitar permiso para rehabilitar unha leira, ao que sempre foi: leira. E así pasaron séculos sen que desapareceran nin os abeneiros nin os ríos, nin as troitas nin as anguías. Nin as terras de cultivo. E así viviron os nosos avós, e deles nacemos nós. E de nós? De nós a hipocrisía.  Moderna hipocrisía. Para máis inri, preñada de ignorancia. Agora estamos modernizados, feixes de soldos pagados polos contribuíntes a xentes que non saben nada, nin pío! do medio ambiente nin do medio rural. Non saben nin lle importa.  Nin fan falta. E que nos dan a cambio? Que beneficio lle trouxo ao noso país?  Ríos secos, sen troitas nin aguias, agras cheas de abeneiros, montes calcinados, e a nosa xente sen terras de cultivo, sen proxectos agrícolas. Sen futuro. Si, protexamos o abeneiro que galegos sobran, sobre todo os do rural. Coido que os do rural sobramos todos. E máis, cada día estou máis convencido que xa somos un estorbo, unha ameaza á esta nova normalidade  do chupón vitalicio constitucionalizado.  

Seguindo cos despropósitos: seino, fidedigno, que se algún emigrante retornado quere botar unha milleira ou unha leira de patacas nunha leira de toda a vida que pola desgraza de emigración leve anos abandonada, se nela entrou o abeneiro xa nunca máis ha dar patacas, xa nunca máis ha ser de seus donos. Agora é un “bosque consolidado de abeneiros”, porque o di un  sabelotodo calquera. Ala!, toma autonomía, e máis de mil anos de Lei Común ao vertedoiro. Estes son os defensores do rural.  Claro, se labramos as terras de que han vivir os dilixentes vixiantes do abeneiro. Neste país de despropósitos ata aquelo que nace coas máis nobres intencións remata nos vertedoiros da falsidade e da hipocrisía: non poder nin labrar as terras que a desgraza da emigración levou a que quedasen a monte e agora sen permiso de catro ignorantes que saben tanto diso coma eu da crianza de pandas en cativerio xa non se poden labrar? Inconcibible, se iso é democracia estamos perdidos. Se iso é acercar o poder á xente mellor que o leven ben lonxe, mandar a autonomía ao carallo e que gobernen desde Madrid. Polo menos os de Madrid nin de nós se lembraban. E os de aquí só amosan a súa faciana para mangármola coas súas modernas mañas de aprendices de señorito,  privándonos dos nosos dereitos máis ancorados na Lei Común Galega, ata levarnos á ruína.

E se eses cartiños  que dedican a coidar do abeneiro os dedicaramos a fomentar a natalidade e a incentivar os cultivos e a permanencia no rural, non estariamos todos mellor?    Pobre Galicia, confunde modernidade con suicidio, cordura con ineptitude, seguridade xurídica con usurpación dos dereitos básicos ancorados na Lei Común.  As nosas terras teñen que estar todas a frondosidades, o noso litoral todo prístino. E a nosa xente toda en Suíza. Que marabilla de país, han dicir cantos vaia visitalo, "aire puro y aguas cristalinas, ni una fábrica que contamine, hasta las fincas milenarias han sido todas absorbidas por las arboledas de rivera… una maravilla".

Nun país normal, suxeito á lei, gobernado por leis que xa non polas arbitrariedades, amañes e conveniencias de turno, se un anaco de terra está clasificado como leira, leira é. E punto. Se está clasificado como bosque, bosque é. E punto. Lei. Normativa. Seriedade. Seguridade xurídica e respecto á Lei Común. Se alguén quere transformar unha leira en bosque (ou viceversa), ten que presentar unha solicitude de reclasificación. Se lle é aproban pasa a bosque, e senón en leira se queda. Aí si hai unha función para as modernas burocracias, para facer os estudos necesarios na valoración das solicitudes de mudanza de uso. Pero medio Ambiente e Medio Rural non poden, nunha sociedade civiliza, ter poder e veto sobre o establecido e aínda moito menos sobre Lei Común Galega. Daquela convértense nun estorbo nocivo que hai que sacar de diante canto antes. Pois claro que hai que coidar do medio, pero prohibir labrar unha leira porque a xentiña tivo que emigrar e ao regresar atopárona chea de abeneiros, e agora xa non é deles?  Onde se veu tal barbaridade, tal desprezo a Lei Común Galega, milenaria? Onde está a seguridade xurídica?  Queda algo de nós, a parte das mentiras e hipocrisías institucionais?  Non miredes a Madrid, o inimigo témolo dentro da casa, e non é de dereitas nin de esquerdas, é. É a cultura do chupón. A destrucción de Galicia é un fenómeno moi galego. Ou nos desfacemos deses sabelotodo e lles restauramos a soberanía (dentro dos marcos da Lei Común) sobre as Súas Terras aos residentes do rural ou esto acabase. Os resultados do modelo actual están á vista, non é que non funcione, é un estrago de dimensións criminais.