Sunday, February 7, 2010

Galicia, territorio colonizable

Paréceme correcto, correctísimo, que se o Goberno do Estado honesta e verdadeiramente cre que que a lei de caixas aprobada polo Parlamento de Galicia invade espazos que a Constitución lle outorga a outras institucións, tome as accións necesarias para que prevaleza a orde institucional consonte a Constitución; a anarquía certamente non é alternativa. A anarquía quizais sexa a doenza máis grave do fecundo de doenzas que aflixen e desanaquizan a España, e, mesmo, o motivo central de que os máis dos países do noso entorno haxan superado a recesión namentres nós cada día nos atopamos máis preto do abismo suicida. Non obstante, os galeguistas progresistas, tal é servidor, das varias cousas das que podemos acusar ao goberno de Nuñez Feifóo, menosprezo e acritude á Constitución non se atopan entre elas. Xa logo, se damos por asentado que o goberno galego actual é eminentemente amigable aos preceptos constitucionais e españolistas, ¿Por que, ofrecéndose, como de feito se ofreceu, xunto co liderado do BNG (coautor parlamentario da lei de caixas) a despachar co goberno do Estado os aspectos da devandita lei que puideran desmarcarse da Constitución, o goberno de Zapatero os ignora e insiste en neutralizalos?

Das moitas lecturas ou resposta que se poidan extraer da reacción do goberno estatal ante a lei de caixas aprobada polo Parlamento de Galicia, hai unha da que pouco se fala, probablemente porque haxa moito que dicir: Galicia é territorio colonizable. O goberno estalle a dicir ás “potencias” que constitúen o Estado – todas elas con leis de caixas homologables á galega - que aos territorios non lle imos permitir que entorpezan a súa expansión económica e comercial nos seus “lexítimos” espazos históricos de explotación. En Andalucía (último territorio en ser admitido na Unión), Madrid, Cataluña e Euskadi todo vale, goberne quen goberne; en Galicia, Asturias, ou Murcia – por nomear algunhas - é outra cousa. Acabouse aquilo do café para todos; quizais nunca tal cousa houbo.

Sendo - como admite Caamaño - a lei galega case idéntica ás catalana e andaluza, e sendo estas anteriores á lei estatal, non sería máis coherente que o Goberno decidira constitucionalizar esoutras leis, abeirándose no indiscutible: a primacía da lei estatal, deixándolle así ben claro ás outras comunidades autónomas que por eses vieiros non se pode camiñar. Nin uns, nin outros. Mais non o fixeron, nin pensaban facelo. Entón está claro: o problema non é esa terrible hostilidade que Nuñez Feijóo lle leva amostrando á Constitución, e aínda moito menos ese entrañable amor, digno dunha pregaria matutina, que lle leva demostrando o zapaterismo.

Está claro que o Estado das autonomías tal como foi concibido e configurado - aquilo de café para todos -, con tódalas súas carencias, ía tirando. E funcionaba porque existía a premisa de que tódolos españois conviviamos nun mesmo espazo xurídico, aínda naquelas Comunidades marcadas pola desafección se recoñecía que os principios de solidariedade e igualdade eran inapelables, e mesmo desexables. Que esa igualdade entre os españois sería ameazada e desafiada é algo que moitos dabamos por feito, o sorprende é que fora o partido político máis histórico e solidario da tétrica historia da democracia española quen barrenara a condición de igualdade e solidariedade. No persoal, a hipocrisía do PSOE sabañóame dúas veces: unha, por galego; outra, porque tamén teño sido votante do PSOE.

Repasemos os últimos acontecementos empresariais de relevancia, busquemos a man do goberno zapateriano, e reparemos nas consecuencias: O caso Endesa –punto de partida de decadencia industrial de España- , nin por un instante o goberno de Zapatero intentou una fusión correcta e digna entre Gas Natural e Endesa, fusión que resultaría nunha xigante a nivel mundial. Mais a avaricia catalana engadida á ineptitude zapateriana puideron máis cá razón. Non só nos privamos de ter unha grande empresa capaz de xerar riqueza e emprego e de competir a nivel mundial, senón que abrimos a billa do desangre industrial de España, e consecuente decadencia. O caso Fenosa, certo, fallaron os empresarios galegos, mais a man de Zapatero non apareceu por ningures ofrecendo apoio moral a favor de que Fenosa quedara onde pertencía. Hai moitos outros caos: estaleiros, industrias leiteiras, madeireiras, e un longo etcétera. Non obstante, arestora a única pregunta é ¿cal das dúas caixas lle prometeron a La Caixa e cal a Caja Madrid?

No comments:

Post a Comment