Que ninguén se equivoque, os preguiceiros
vividores folgazáns eses que viven á conta da Cataluña productiva somos nós. Nós
os galegos, que xunto cos estremeños e mailos andaluces somos cerne e miolo da
“L'Espanya subsidiada” que vive á conta da sufrida e
productiva Cataluña. E nós, os estremeños e mailos
andaluces somos cerne e miolo de “la España que nos roba”. Nós, eses ladróns
somos nós. Case nada, todo tan nitidamente encapsulado nunha lacónica
manifestación de deshumanizante e vil desprezo. E perante esa afronta,
pois claro, a gardar ese responsable silencio solidario de nación periférica. Ese
sobrio e responsable silencio queda plenamente xustificado naquilo de que tódalas
causas reclaman os seus sacrificios. O noso - solidarios e sacrificados que
somos -, perante tan augusta e nobre
causa, é aturar a calumnia, sen replicar. Que barbaridade… Se algún recuncho
non mundo queda que non ten débedas por pagar, é Galicia. Nada debe. A ninguén.
E conste que de darse o caso, case seguro que sería máis livián cargar coa
fame. E un preguntase: desde cando o secesionismo non pode ser defendido desde
a decencia e a ética? Cando foi que a verdade se converteu nun estorbo? Tanto
pesa que xa ninguén quere cargar con ela! Por que tanta mentira? A mentira é
unha manifestación da maldade, refuxio do ruín. Por que esta entrega ao rancio
fedor da calumnia? E de entre o de nós, aqueles que vexan en España un desprezable
adversario ou unha ameaza que anden amodiño, e antes de fiarlles as costas aos seus
productivos “aliados” unxidos nos óleos da condescendencia e beicidos polos
deuses da soberbia, saiban que a coitelada está servida. Desta, tamén merecida.
Defender a independencia, defender
o que for, mais nunca, nunca!, deshumanizar aos demais. O argumento do roubo e
mailo subsidio é calumnia, é indigno, é un entregarse á mentira como medio. É
maldade. Ou sexa, é fraude. E nin a defensa da unidade de España nin o secesionismo necesitan de máis argumentos ca
verdade. Os vieiros da verdade só levan á verdade. Será ese o problema? Non obstante, seica o Mais en mailo Junqueras (ámbolos dous o
dixeron) agora sente afecto por nós. Se miramos ben de onde ven a cousa e todo
o que se leva dito, desde “la España que nos roba” a “L'Espanya
subsidiada”, que os dos líderes do
secesionismo catalán profesen agora sentir afecto por nós, os vagos preguiceiros
que vivimos “a costa de la Catalunya
productiva”, non deixa de ser, neste empobrecido mundo do “sound bite”, un
insulto máis aos que aínda nos enredamos no exercicio de pensar. Non confían en España pero aman aos españois.
Algo é algo; si, algo así coma o agarimo que se sente por un can doméstico do
que se da por feito a intermitente travesura. Velaí aí o clímax da
condescendencia. Velaí o máis ruín dos insultos. Canto mellor non estaba a
cousa cando polo menos a clarividencia do desprezo era incontestable.
Calumnias e barbaridades
aparte, é un dereito e un deber de toda comunidade humana defender os seus
intereses (dentro dos marcos éticos universalmente recoñecidos), mais nunca
depredar naqueles que perciban como máis débiles ou difamar para alimentar ambicións
persoais. Non hai causa que xustifique a calumnia. E, como galego, confeso un
repudio moi particular a cantos movidos pola avaricia, o odio ou o menosprezo incorran
na sabotaxe para tratar de frear o investimento (merecido e necesario) para o
desenvolvemento do país. E conste que a algúns xa non lle abondan os
parlamentos do Estado para atacar e desprestixiar Galicia, agora seu xoio xa espalla
por media Europa, salpicando as murallas Estrasburgo. Berran e reclaman frear os investimentos neses ningures inconsecuentes porque os cartos - de todos
- fan falta para o eixo mediterráneo e mailos motores da economía do Estado. Esta
difamación-depredación é particularmente desprezable cando é contra un pobo
co que se comparten lazos históricos que
só poden ser obviados polas almas máis mesquiñas e os corazóns máis desnortados;
ou sexa, por aqueles xa tan entregados a esa forma de odio disimulado (o do
menosprezo e condescendencia) que se sente autorizados a publicitar calumnias
tan desprezables como “L'Espanya
subsidiada viu a costa de la Catalunya productiva”. Moi cerca, demasiado cerca, non tempo e no espazo (agardo que non nas intencións)
doutras vesánicas propagandísticas tan inesquecibles como envelenada, das que non é preciso comentar.
Nin o secesionismo nin o
españolismo necesitan do abeiro da calumnia. A calumnia e maila mentira son e
sempre han ser manifestacións da maldade. Alguén imaxina ao gobernador de California dicindo “L'Luisiana subsidiada viu a costa de la California
productiva”? Pois claro que non, tamaña mesquindade só é posible alí onde, abrigada
pola escura sombra da hipocrisía, prende ás anchas a semente da bancarrota
moral.
No comments:
Post a Comment