Tuesday, June 3, 2014

Existimos porque somos diferentes

Acepto como axiomático que reclamar para o galego a grafía da lingua portuguesa é tan lexítimo como defender a oficial (a da RAG). O que non é lexítimo, non pode selo, é aceptar a presencia de institucións alternas e aínda alleas que desacrediten e lle resten identidade ao galego. Na situación actual da nosa lingua, todo aquilo que non contribúa a fortalecela xa de seu contribúe a debilitala. 
 
Precedentes non faltan dunha mesma lingua ser expresada con grafías diferentes -mesmo alfabetos diferentes- en territorios adxacentes: o serbocroata; dunha lingua mudar por completo de grafía, e aínda de de alfabeto, cando as circunstancias así o  recomendaban: o turco; de dous ou máis dialectalismos existir con nomes e normativas diferentes en cadanseu territorio e as súas diferenzas ser abrazadas, aloumiñadas e alimentadas con ese agarimo que só se corresponde a aquilo que nutre a identidade e afirma a singularidade: o montenegrino e mailo bosníaco. E aínda case se pode dicir outro tanto do checo e o eslovaco, do holandés e o alemán. O galego e mailo portugués non son unha excepción; non é una rareza atoparse cun continuo dialectal con nomes e normas diferentes nos territorios correspondentes. O que si é unha excepción é a crecente falta de respecto á identidade singular do galego. E aínda cando as conveniencias dunha aproximación ao portugués son obvias, case tan obvias como  notables os riscos, Galicia existe de seu. Toda discusión ten que partir desa afirmación, do recoñecemento desa realidade sen ningún tipo de ambigüidade. Os séculos que nos caeron encima fóronlle dando xeito a isto que agora somos: galegos. É o que somos. E sómolo tal somos. Existimos precisamente na afirmación das nosas diferenzas. E nada, absolutamente nada, nin o máis prezado concibible é de tal valor como para asumir o risco de deixar de sermos nós.  
 
Sendo xa tantos os séculos que sobre nós se foron debullando, e se pomos en perspectiva que o legado máis grande de calquera cultura é ela mesma, como podemos dubidar do valor da nosa?  Cada día do noso pasado que borremos da memoria colectiva, unha letra, unha palabra, un forma  de sentila, de escribila e de falala, é un algo de nós que deixa de existir. Un algo da nosa esencia que queda para sempre no cemiterio dos tempos. No medio de tanta escuridade, neste longo e frío inverno de noites interminables, apagar as poucas luces que nos enfían á alborada. Na formación das esencias non hai días bos nin malos; todos contan, todos suman, todos eles son auga e barro. E por iso que aínda cando concordo cos que argumentan que os camiños do futuro están todos por andar, non abrigo dúbidas de que o camiñado non se pode desandar.  Logo, cautela. Cautela porque camiñar de costa e tropeza non é un accidente, como tampouco o é esbandallarse por correr por riba dos límites recomendados; son ámbalas dúas incidencias consecuencias de non recoñecerse na realidade máis inmediata e nela buscar abeiros e espazos onde gardar as inquedanzas. Tódolos camiños queren o seu paso, e para enxergar os horizontes é preciso erguer os ollos ao camiúñar. O destino nunca queda atrás.    

A fortaleza do galego non é tanta como para sobrevivir caídas que o poidan derrear. Setecentos anos por camiños diferentes non son fáciles de atallar. U-los atallos, desviarse dos camiños marcados no tempo, deixar de ser guiados polas voces familiares, deixar que a broza se apodere das pisadas herdadas. E iso o que buscamos? Non será mellor seguir nos nosos vieiros, confiarnos aos impertérritos brazos dos cruceiros, alimentar a nosa identidade evadindo aventureirismos que poidan a moitos deixar nas lameiras varados e esgotados, sen forzas que os reconducir á alborada. Sen máis pausas cás necesarias nin máis presas cás requiridas, camiñar. Atentos ao soliloquio que vén de adentro, que ese nunca nos ha traizoar. A alma dun pobo, a súa conciencia colectiva, non se pode impoñer nin xulgar e aínda moito menos “purificar”. Un galego des-singularizado non ten nada que lle ofrecer á nosa identidade: Se existimos é precisamente porque somos diferentes.

No comments:

Post a Comment