Friday, December 11, 2009

O prezo dun miserable: 15.000 €

Houbo xuntanza no parlamento do país. En debate, a hipocrisía. Os resultados, os de sempre: o bandullo sempre gana. O prezo dun miserable seguen sendo 15.000 €.

Vivimos épocas de crise. Nos días que corren, aqueles 15.000 € anuais da vergoñenta lei de altos cargos serían aceptados como un soldo moi respectable por calquera dos xa máis de dous centos mil galegos que están no paro, e cuxas familias sofren o impensable; pero non, que va!, hai bandullos moito máis cheos que reclaman eses cartos. E reclámanos con unanimidade parlamentaria –por falta de legalidade non sexa a cousa -. Cheos están eses bandullos de moitas cousas, ningunha delas tan salientable coma a soberbia infatigable, a avaricia desaforada, e un brutal desprezo á sociedade. Velaí o elitismo depredador, punto de encontro, común denominador. Non hai dereitas nin esquerdas, galeguistas ou españolistas –todo iso é música de fondo, distracción organizada, simple comida lixo para as mentes débiles -, en Galicia a política de partidos segue sendo un tributo máis á proverbial hipocrisía. A unanimidade parlamentaria non deixou marxe de dúbida; hai o que houbo toda a vida: a insaciable pantera.

Nós, no que atinxe ao elitismo depredador, non damos feito. Das moitas e diversas faces desa maledicencia tocounos a máis ruín, a máis insidiosa e cruel, quizais a única que é verdadeiramente paradigmática da traizón: o caciquismo. Nalgúns anacos do país (Ourense, por exemplo) a xuventude xa nin se molesta en presentarse a oposicións se antes non acadan a beizón dos padriños das mafias que controlan o poder. E ao caciquismo depredador de sempre agora engádenselle as mafias da cocaína, dos puti-clubs, e do ladrillo (se é que non son simples Capítulos da mesma caciqueirada, que o son). Todas elas ao abeiro das mafias políticas dos chamados Partidos (alomenos a nivel municipal e aínda nalgunhas deputacións, autenticas mafias organizadas), que fan da nosa sociedade probablemente a máis corrupta de occidente, tamén a máis decadente, e, por ende, a máis afastada dos valores do Servizo Civil. Valores, estes, que nas sociedades onde son percibidos e aceptados como parte da orde natural, garanten ética, transparencia, civismos, desenvolvemento sostible e, pois claro, un sistema educativo satisfactorio (piar de sustento de toda sociedade, sementeira de todo o susodito).

Apesares da monumental desfeita sempre houbo un algo de esperanza, uns fiíños de luz que aínda nos peores dos momentos nos falaban dunha senlleira faísca, case imperceptible, pero sabiamos que non todo estaba reducido a simples chamizos, que estaba alí, e que nela se gardaba toda a forza da fogueira. Ou sexa, os que críamos nunha Galicia diferente nunca estivemos completamente desamparados: quedábanos a esperanza dun cambio. E o cambio chegou. Acadamos un goberno progresista, mais aínda así o bandullo puido máis cá razón, e o Parlamento de Galicia, fiel ao ronsel dos anos déspotas, posuído pola forza da endogamia e intoxicado pola egolatría do nepotismo, burlouse da sociedade con descaro alleo: pluses de 15.000 €, namentres os asunto urxentes: a rapina caciquil, a desfeita urbanista, o caos no sistema educativo, a apoloxía puntual semanal ao alcoholismo, abandonados á deriva; a unanimidade parlamentaria estaba reservada para os grandes temas, tales como garantirlle 15.000 € dos contribuíntes a xentes que se ofreceron voluntarios a ocupar os cargos que ocuparon, que se tanto estres e precariedade económica lle traían, tiñan que ter a decencia de non aceptalos. Ou sexa, a unanimidade parlamentaria que corresponde ás grandes ocasións, aquelas que se gardan para os momentos históricos chamados a decidir as cousa transcendentes, as mesmas que marcan os destinos e labran as historias dos pobos, reservada para os reclamos do bandullo. Con todo, foi útil esta unanimidade parlamentaria, axudou a aclarar as cousas. E as cousas sempre deben andar claras. E claro quedou, dabondo, que na nosa sociedade, capitulando ás mañas inculcadas, o plus de 15.000 €, tan necesario para engordar os bandullos miserables, reclamaba, e acadou,, unanimidade parlamentaria.

4 comments:

  1. Subscribo plenamente a súa entrada e digo máis, se agora un partido quixo recuncar foi porque os seus correlixionarios sindicalistas presentaron a ILP no Parlamento, que ao contrario que noutros casos, non me "ofreceron" as mesmas facilidades para asinar.
    A pregunta clave seria, porque non a presentaron na anterior lexislatura?

    Agora quixeron desdecirse dicindo que foi un erro aprobala no seu día, cando sabían que había algunhas voces críticas dentro do partido e moitas na militancia de base (entre os que me encontraba) que criticabamos esa cacicada e usura legal.
    A segunda pregunta é, se se reeditara o bipartito, que votarían?

    Boas festas e un saúdo dende Nebra.

    ReplyDelete
  2. Paco do Martelo, falas de máis. A CIG lanzou a ILP na anterior lexislatura, practicamente despois de que que se aprobase por unanimidade. E foi a ÚNICA organización social non testemuñal que se opuxo con contundencia, a ÚNICA. E fixo unha campaña dura contra os dirixentes do Bloque por mor do plus. E recibiu a cambio moitas críticas e moi duras. Dicir outra cousa son gañas de dicila, ti saberás por que.

    No bloque din que o PSOE os obrigou, pero o único certo é que os obrigaron as bases, e un factor clave foi a posición clara da CIG,

    E que lle queres, visto o ben que defenderon o metal en Vigo, o ben que acolleron á xente do consorcio (sen ter unha federación para iso
    ), o ben que cubren e apoian a todo aquel que está disposto a dar a batalla para defender o que é xusto no traballo, aínda que estea practicamente perdida. Visto o visto a CIG é unha das últimas esperanzas para que a nación de Xoán G. Vázquez sobreviva aos dentes esfameados dos lobos, eses que depredaron todo. Os que fardan da culpa da miseria, a miseria que nos empurra a sermos outro Xoán G. Vázquez, expulsado da súa terra posta a barbeito en beneficio duns poucos.

    ReplyDelete
  3. Corrixo frase cortada: No bloque din que o PSOE os obrigou a probala, pero o único certo é que os obrigaron as bases a botarse atrás en público, e un factor clave foi a posición clara da CIG, en contra

    ReplyDelete
  4. Amable anónimo, onde falo de máis?
    Onde lee vostede que diga que a CIG NON se opuxo frontalmente ao plus?
    Sei perfectamente que foi xunto con Encarna Otero os ÚNICOS que abertamente se opuxeron dende o principio.

    Preguntábame, porque non presentaron a iniciativa na anterior lexislatura?
    Ao mellor hai unha explicación que se me escapa: prazos legais, falta de sinaturas, etc.
    Non sei, de aí a miña pregunta, que vostede tampouco me responde.
    Claro que tamén pode haber outras causas, verdade?

    Tamén dixen, que a min (militante) non me remitiron ningunha información, como si fixeron agora co galego na escola, cando digamos, este tema xa non me afecta.
    Son franco falando e como lle dixen a ex compañeiros, para caladiños xa tiveramos a outros 16 anos.

    Dicirlle que lamentablemente sei perfectamente o que é ser fillo de emigrante e máis ser emigrante, por iso me doe que os nosos políticos (todos) pensen sempre primeiro no seu peto.
    Iso foi o que fixeron no seu día aprobando esa paga extra ou "imposto revolucionario", mentres moitas familias se as ven para chegar a fin de mes e nin de coña, gañan ao ano eses 15 mil €.

    E nada máis, son humano e pódome trabucar, pero sempre o fago identificándome cos meus comentarios.

    PD. Iso de que o PSOE os obrigou a votar a prol dio todo e algo lin por aí, pero, os partidos non eran soberanos?.

    Sabe como dicía o meu mestre cando faciamos unha falcatruada inducidos por outros?: e logo, se vos mandan tirar ao río, tamén vos tirades?

    ReplyDelete