Monday, November 9, 2009

Carta aberta a Francisco Rodríguez

Prezado D. Francisco, a propósito do seu artigo do martes, 21 de outubro do 2008, “Galego-portugués”, afirmo intuír as máis nobres intencións no alí deitado; as máis desastrosas consecuencias, tamén. Non pode quedar marxe de dúbida que a primeira responsabilidade colectiva de todo pobo é defender a súa personalidade e identidade cultural. Nada, ningunha causa, ningún idealismo, ningunha percepción de solidariedade xustifican comprometer a identidade cultural dun país. En Galicia, a identidade cultural centrase na lingua, comezando polo mesmo nome da fala: galego; o mesmo nome que o pobo. Xa logo, a risco de abusar do vello proverbio, aquelo de que “de boas intencións está o inferno cheo”, manifesto as miñas intencións de fuxir, de contado, das honorables intencións que vostede debulla e cisca no seu artigo e vou deitar a miña atención nas terribles consecuencias, das que sinto arrepiantes calafríos coma agoiros dun mal xa sementado. Sen máis lerias, D. Francisco, Galicia existe de seu, e non como un anaco de Portugal sen norte nos seus camiños, sen propósito no seu andar. Algúns de nós, coido que aínda moitos, sabemos moi ben quen somos, e en que leiras labrar. Algúns de nós non necesitamos de estudos técnico-científicos deses sabios lingüistas esquecidos do verdadeiro escoitar, nin das sabenzas de historiadores beatificados, máis atentos aos labrados das pedras có sentir de quen as labrou; abóndanos, a nós-outros, con escoitar o latexar do corazón da nosa terra, as humildes agarimosas voces dos nosos avós labregos, os coloridos firmes berros dos nosos garridos mariñeiros, o mastigar as palabras amor, agarimo, saudade ou acougo, para atopar abeiros no camiño e fe no noso destino. Para algúns de nós Galicia é intocable, en tódalas súas instancias, en tódalas súas manifestacións. Intocable.

Inaceptable. O galego non pode tomar o nome galego-portugués namentres o portugués sega chamándose simplemente portugués. Tal acción sentenciaría ó galego a ser percibido como un inservible dialecto do portugués, e, así, reafirmando a gran mentira xa ancorada nos libros de texto en toda a “lusofonía”, arestora xa tamén promovida por algúns de de Nós. Se hai algunha posibilidade de camiñar na dirección dunha unión lingüística, é, irrevogablemente, Portugal quen está chamado a dar o primeiro paso, nomeando á lingua galego-portugués: nos libros de texto e de uso oficial, nas institucións, na mesmísima Constitución da República Portuguesa. Ese día, falemos. Falemos entre iguais, ó abeiro da sabenza que o obxectivo non é destruír Galicia como ente cultural singular, que o é, nin envorcar as voces dos nosos devanceiros nos vertedoiros do esquezo, que nunca! ha suceder. Tódalas accións que non partan dunha veracidade histórica inapelable só teñen como única conclusión derrear a nosa identidade cultural. Repito, “de boas intencións está o inferno cheo”.

Non obstante, acepto como axiomático que reclamar para o galego a grafía portuguesa é tan lexitimo coma defender a grafía actual (a da RAG). O que non é lexitimo –non pode selo- é defender institucións alternas que debiliten, desacrediten e lle reste identidade á fala, de todos. Sendo a grafía un simple instrumento para expresar a lingua, calquera grafía, de seu, é lexitima. Hai casos notables de linguas que trocaron a súa grafía histórica e autóctona por outra que lle resultaba de máis conveniencia, e non pasou nada: o turco; e hai casos nos que unha mesma lingua - por motivos históricos e afinidades sociais - expresase en países adxacentes con grafías moi diferentes: serbocroata. E aínda hai exemplos nos que unha mesma lingua racha porque dos ou máis territorios que falan cadansúa variante valoran a súa singularidade nacional e maila súa afirmación identitaria máis cá unidade da fala: checo e eslovaco, e agora xa tamén o montenegrino. Todas esas opcións son lexitimas e serven seus propósitos. Mais este tanto ten quedar claro: a voz dun pobo está chamada á evolución espontánea, e nunca as súas formas e modos han ser forzados por academias, propias ou alleas. A voz colectiva da nosa sociedade, no que atinxe á lingua, é a da RAG; esta é a única institución autorizada para sopesar unha grafía sobre a outra e elixir a que tiver maior acepción e for máis representativa da realidade de Nós. As academias impostoras só perseguen divíder a sociedade e debilitar a fala; son, en conclusión, froita envelenada.

Tódolos debates son lexítimos, xaora que si, pero só unha decisión é lexitima, a da RAG. E, de feito, xa elixiu. O debate sobre a grafía, e só a grafía (nas voces, formas e modos de falar que herdamos dos noso devanceiros que ninguén me toque), pode continuar, e, mesmo, a grafía pode chegar a mudar, máis iso só é posible e lexitimo se parte da RAG, e se esta actúa en resposta a un reclamo social maioritario. A lingua, na súa manifestación máis pura, é a voz do pobo, e sempre ha ser espontánea e libre, ceibe dos cabestros da egolatría académica e da podremia política, ou aínda peor, dos odios infundidos. E, no noso caso, o nome da fala é completamente irrenunciable: galego. O nome da fala é parte intrínseca e inseparable da nosa identidade como galegos.

A lingua dun pobo é iso, lingua dun pobo, e é de natureza apolínea. Non necesita centos de millóns de falantes, non necesita ducias de países que a falen, e non necesita de empresas estranxeiras que a avalen; pero si necesita da alma e corazón do seu pobo, e a cambio, nútreo de identidade, afírmalle a súa singularidade, e sérvelle de áncora inamovible nas recorrentes tempestade. Tódolos debates (sensatos) en prol de un acaroamento ó portugués deben quedar reducidos á grafía, a partir de aí non hai nada que falar. Sería de suicidas suxerir que a nosa fonética, sintaxe e semántica, fermentadas dende o fondo dos séculos, prezada herdanza milenaria, se puideran mudar por decreto. O día que o galego pretenda ser algo máis ca fonte e afirmación da nosa identidade, áncora da nosa singularidade, ese día ha deixar de ser galego, ha deixar de ser noso. Ese día ha deixar de ser útil. Ese día, de nós só ha quedar unha simple caricatura, un país fragmentado que renuncia a ser, cun 10 ou 15 por cento abrazados o portugués, e os outros progresivamente acaroándose ó castelán; o galego, tal como o entendemos, desaparecerá, por ende, Galicia tal como a entendemos, tamén.

Velaí a Academia Galega da Lingua Portuguesa, primeiro paso na dirección da fragmentación do país. Nunca os que favorecen unha Galicia monolingüe castelán falante tiveron aliado mellor; nunca argumentos tan claros. E nunca posibilidades tan viables. Xa non teñen que facer nada, só esperar a que a fenda desangre ó galego ata tal punto que pais e xentes novas, languidecidos (xa case derreados) polo peso da apatía e futilidade de continuar loitando en prol de preservar una lingua suicida -se cadra xa exánime -, capitulen, acepten a derrota e se entreguen ó castelán como único abeiro de familiaridade, que o é, fuxindo da nova colonización identitaria promovida pola Academia Galega da Lingua Portuguesa, que a é.

Ata o de agora eramos un pobo unificado, cunha identidade cultural singular milenaria, mesmo anterior á portuguesa, con diferenzas de opinión, pero unificado. Incluso os galegos que adoitan falar castelán, e o teñen como lingua de berce, se estaban (están) acaroando ó obvio: á acepción do galego como lingua propia de Galicia, dereito indelegable e valor inalienable da nosa identidade. Todos habiamos cedido algo en defensa desa unidade; os que falamos o galego rosaliano, o mesmo dos nosos pais e avós, aceptamos os “grazas”, “estudos”, e “probabeis”, non porque esas voces naceran na alma e gabiaran polo gorxa camiño dos beizos para facerse palabra, palabra que levara a evocar as lembranzas das colleitas e mallas, dos contos das lareiras e das cancións taberneiras, das romarías todas elas e das feiras gandeiras, coas súas voces espontáneas, espidas de pretensións, alleas ás soberbias e mañas de impostoras academias. Eran aquelas as voces dunha nación feita e dereita, á agarda de afirmar institucionalmente o que xa de feito existía: a independenza lingüística e cultural de Galicia. Algo ten de bo esta última desfeita: axuda a debullar as intencións, a pór as cousas claras: o grande inimigo de Galicia sempre estivo dentro de Galicia, sempre fomos nós, e agora, como derradeira loucura, imos intentar derrear a fala. Inverosímil.

1 comment:

  1. Prometeram topar com uma jóia neste artigo, e viso que assim é. Não uma, senão muitas.

    O único inaceitável é a sua demagogia.

    Informe-se. Assim será um demagogo com alguma credivilidade. Diz cousas que nem os seus co-religionários de GB ou FAES teriam colhões de dizer.

    Uma aperta dum leitor seu que escreve «nun inservible dialecto do portugués».

    ReplyDelete