Sunday, November 8, 2009

O abando da lingua (II)

Dende lonxe, a miles de quilómetros do país, para algúns (agardo que aínda moitos) restablecer os vínculos coa fala convértesenos nunha necesidade. Necesidade alleada e desconectada das politiqueiras de moda ou do momento, dos beneficios materiais ¡inexistentes!, ancorada no existencialismo máis simple, confinada na esencia do propio ser. A lingua pasa a ser un sustento do espírito onde os valores numéricos e conceptos de universalismo carecen de todo significado, percibímola na espontaneidade do sentir máis puro; pero unha lingua necesita moito máis. Algúns, dos tantos que nos tivemos que ir do país (a emigración nunca foi un exercito de voluntarios, ¡nin un mito!), canto máis lonxe estabamos da fala máis sós nos atopabamos. E é no reencontro coa fala onde de novo atopamos o acougo, a compañía, a habilidade de volver soñar soños esquecidos, de resistir o empuxe da distancia –de tódalas distancias-, e do tempo, de revalidar aquel “resistimos porque soñamos” que nos deixou dito un dos nosos; pero unha lingua necesita moito máis. Unha lingua non vai sobrevir porque catro aloucados idealistas non saibamos vivir sen ela. É ela a que ten que saber vivir sen nós. Sobre todo sen os que sen nunca haber sido voz pasamos a ser simples ecos dun pasado miserable, nun presente inadaptable, cos ollos postos nun futuro con rancio sabor a pretérito.Fai moi pouco que os xornais do país anunciaban un estado de pobreza total da nosa xuventude universitaria, reminiscencias doutros tempos, doutros lugares, e moi, moi diferente as vanglorias dos que ostentan o poder. Nada menos que un 55% dos universitarios, nos seus primeiros anos de vida profesional –que en si xa é unha traxedia, sen precedentes, que esta comece de 3 a 5 anos máis tarde ca en calquera outro país avanzado -, perciben un terceiromundistas soldo duns 600 € mensuais. Velaí a constante frustración e insoportable precariedade na que vive a nosa xuventude. A mocidade séntense pasaxeiros nun avión pilotado por suicidas. Iso fai que algúns pais, especialmente nas urbes, movidos polo mero instinto de sobrevivencia, prefiran para os seus fillos linguas vehiculares de uso e beneficio alén das terras galaicas: Castelán, Inglés, etc. É un por si acaso hai que face-las maletas. Fáiselle difícil, case imposible, montar causa na defensa do galego como lingua útil se agardan ter que resolve-la vida en Madrid, Barcelona, Canarias, Londres ..., ou Nova Jersey. Todo parece suxerir que a saúde do galego está vinculada á saúde do país. Se o país se suicida... En fin, todos sabemos que os mortos non fala. Pola contra, se o país é vital, a lingua ha ser vital. A xente precisa crer no futuro do país. E, por desgracia para a nosa fala, os marcos de referencia do futuro, que a nós chega no presente, parten todos dun pasado pouco esperanzador. Tétrico.

No comments:

Post a Comment