Monday, November 9, 2009

Indiferenza, e aínda acritude, á fala

Na miña última viaxe ao país, o pasado Nadal, quedei verdadeiramente preocupado coa actitude de indiferenza, e aínda tamén dun algo de acritude, nun notable número dos de Nós no que atinxe á fala. Explícome:

Desta volta aterrei en Alvedro. Foi unha viaxe longa e cansa, quizais iso foi o que me levou a mirar polas maletas sen antes ollar a designación no chisme ese que segue dando voltas e voltas ateigado de xente, coma min, que pensan, no seu cansanzo e ansiedade, que a forza dos ollos pode realizar milagres e así facer que a equipaxe apareza antes. Non apareceu. E xa cando me fartei de estar de papanatas, deime conta que había outro chisme, tamén ateigado de maletas, pero moita menos xente. Era neste onde rodaba a equipaxe procedente do estranxeiro. Está nunha esquina un pouquiño maís privada, onde para nela saír (ou entrar) hai que saudar a unha parella da Garda Civil. Dei dous pasos na dirección onde, evidentemente, estaría a miña equipaxe, os Gardas Civís dirixíronse a min cun “de donde viene?” (con animo de facer o seu traballo e ao tempo informar), contesteille cun “veño dos Estados Unidos, vía Londres-Madrid, e penso é alí onde hai que recoller a equipaxe que vén da fóra”. Contestoume o máis vello dos dos, xa en vernáculo: si... si, o… de Estados Unidos sae por alí. Pase … pase”. Non sei se os compañeiros da Mesa aprobarían o breve diálogo cos gardas, digo eu polo de comezar en castelán; a min non me sentou mal. Non asumiron que eu fora galego e dirixíronse a min en castelán, cando eu lle contestei en galego –que no ámbito galego contéstolle en galego a tododiós- mudaron para o galego e incluso se lle notaba agrado que así fora. Unha para a Garda Civil. Non vén a conto, mais as poucas experiencias que levo tendo coa Garda Civil téñenme medio convencido que probablemente sexan a institución de ámbito estatal que mellor se adaptou á democracia, mesmo, unha das poucas que entende o concepto de Servizo Civil.

Sigamos. Non son filosofo, que o somos todos, nin son psicólogo, que tamén o somos, pero as cousas vense doutra maneira cando un leva un tempo fóra e anda cos días contados. É por iso que estas pequenas experiencias para min non son tan pequenas nin as súas insignificancias tan insignificantes. Xa coa equipaxe recollida, funme ó mostrador de aluguer de coches. Atendeume unha moza de sorriso fácil e permanente, moi agradable, atenta, dilixente e amable. Exemplar eran as súas destrezas de atención ao cliente; saíalle da maneira máis natural, que o era. Non me falou nin unha palabra en galego, nin eu a ela en castelán. Adhírese á lóxica dos tempos que as empresas de aluguer de automóbiles, nun aeroporto, non asuman que o pasaxeiro sexa local e procuren que os empregados resolvan tamén noutras falas, domesticas e alleas. Non obstante, penso –non teño medios de probalo - que as empresas de aluguer de automóbiles, nos aeroportos galegos, desincentivan o uso do galego. Eu, por máis que rebusque, non lle atopo outra explicación, pois aquela amable rapaza (xenuinamente amable) non abrigaba nada de chulería, pola contra, non me canso de subliñar o respectuosa, amable, dilixente e agradable que foi. Non sendo esta a primeira experiencia de indiferenza ao galego por unha empresa de alugar de coches (xa perdín a conta das veces que me aconteceu en Lavacolla), xa logo, as rapazas –case todas son rapazas- están incentivadas (quizais mesmo ameazadas) a non usar o galego. Suspenso lingüistico ás empresas de aluguer de automóbiles.

Roubáronme o logotipo do coche. É o meu entender que neses casos hai que reporter o incidente á Policía Nacional para lle presentar un reporte á compañía de aluguer. Cadrou en mal día: o un de xaneiro. Alá me fun (Santiago) ó cuartel. Saudei ao policía que vixiaba a entrada, contestoume en castelán, expliqueille o acontecido, colleu o teléfono e comunícalle a quen no outro lado contestou, e pregúntalle “lo atiendes?” . Pois claro que me molestou a implicación, mais colgou o teléfono e apuntou a unha porta indicándome “allí le atenderán”. Así foi. Atendéronme, e atendéronme ben: puntuais, dilixentes e amables. Nunca amosaron indicios de incomodidade pola miña adhesión ao galego; mais eles todo en castelán. Vale, a Nacional é un copo de seguridade do Estado e a lingua oficial do Estado e o castelán, cousa que, sen vir a canto, eu respecto, e mesmo recoñezo que algúns dos oficiais poden ou non saber galego e non por iso han deixar de traballar onde foran designados polos seus superiores. Pero, cal será a probabilidade que dos tres oficiais nin un fora galego? Queda as dúbidas, e mentres non se aclaren, suspenso lingüistico á Nacional.

Como estaba perdendo por dous a un (grazas ao rebote da Garda Civil non eran dous a cero), aliviábame saber que tiña o empate no peto, ou iso eu pensaba, pois quedábame un asunto por atender onde o uso do galego estaba garantido: Facíame falta unha Partilla de Nacemento, alá me fun ao Porto do Son – ollo que estamos no Porto do Son, onde, dende que o mundo é mundo, non é que se fale galego, é que nunca se falou outra cousa -, entro na Casa do concello, atópome cun veciño que alí anda a resolver algún asunto, el mesmo me dixo á que porta ir. Entro e aténdeme un mozo, atento e dilixente, pero tamén distante, e aínda cun algo de displicencia; eso si, axiña tomou a prudente decisión de disimular o desagrado que lle producía que eu falara en galego. Penso que fixo mellor traballa ca min. A práctica, supoño. Aínda menos mal que era atento, porque se por riba de non me responder en galego (aclaro: considérome unha persoa sensata, razoable e flexible, de mente máis ben enxoita e pouco dada ó escorregar, e tamén adaptable ás varias realidades que conforma España, pero hai un raíña no imaxinario que no penso cruzar, nunca: falar castelán no Porto do Son…?). Esta última experiencia, por máis insignificante, é completamente incomprensible e decididamente inaceptable, e, sobre todo, profundamente preocupante. Con todo, xa non teño tempo nin medios, mais aínda se os tiver, non penso lever os meus berros á rúa. Visto o visto e vendo como vai a cousa, xa hai ruído abondo. Suspenso lingüistico no corazón mesmo do universo do galego... Si, moitas veces inverosímil que no Porto do Son un Servidor Civil teña o descaro, a desvergonza, o desrespecto, de non lle contestar en galego a un paisano que en galego a el se dirixiu. Pois si, por máis incrible, no Porto do Son.

No comments:

Post a Comment