Monday, November 9, 2009

Oportunismo, si; mesquindade, se cadra. Fraude, non

Non serei eu –ou se cadra si- quen lle leve a contra aos persoeiros da cultura que nos argumentan que “o dano está feito”, e, mesmo, que xa é “irreversible”. Siloxismo desafortunado. Dano, si; irreversible, nunca. Os ataques ao máis emblemático do noso patrimonio non son nada novo, e seguimos aquí. Sementar na conciencia da nosa xente un estado de derrota irreversible é bastante máis daniño cá máis desnortada e oportunista das enquisas.

Que no que atinxe á fala é lamentable a maneira de pensar –quizais maioritaria- da nosa sociedade, para min é indiscutible. É comprensible a adhesión ao castelán? Pois claro que si. Eu, nado nunha aldea, incapaz de soster unha conversación en castelán ata xa ben entrados os catorce ou quince anos, sinto aprecio e adhesión a esta fermosa lingua que, coma case todas, en case tódolos recunchos do mundo, foi imposta. Esa imposición, xa repousada na historia, é de supoñer que puido haber deixado algunhas cicatrices na conciencia individual e colectiva do de Nós. Eu mesmo lembro miña nai (cando me levaba aos médicos a Santiago) humillada loitar como podía para expresarse nunha lingua que nin era dela nin coñecía nin sentía. Eu –e coma min moitos- podo afogarme nunha charca de resentimento ou celebrar os novos tempos, e mesmo disfrutar dunha das linguas máis traballadas na historia da humanidade. Esa decisión cada un de nós ha ter que tomar a súa, sen odios nin resentimentos, e, sobre todo, sen medo. Non obstante, aí quedou esa cicatriz. Para sempre. Na hei borrar. Heina levar comigo, testemuño permanente de que o pasado si sucedeu. Mais, máis real có pasado é o agora e aquí (esa mestura do presente continuo, do pasado inmediato, e do futuro que xa alborexa), e no agora e aquí os odios e mailos resentimentos sobran todos. E sobran todos porque no agora e aquí é onde se ha labrar o futuro, e o futuro reclama bases moito máis sólidas cás sementadas no resentimento. E é lamentable que os pais non lle deran ó galego -como mínimo- a mesma deferencia que lle outorgaron ó castelán: unha cousa é rexeitar a inmersión lingüística e outra, moi deferente, é rexeitar a lingua autóctona do país; iso non se pode explicar. E como non se pode explicar ten que ter o seu berce en fobias irracionais. Fobias que temos que axudarlle á xente a superar. Pero sumar erros non nos ha acaroar máis á solución. E tamén é lamentable, mesmo un erro, que moitos compañeiros galeguistas progresistas falen de fraude onde todos sabemos que non houbo tal cousa, alomenos non no sentido estricto da palabra. Se a consulta de Núñez Feijóo foi un erro, que o foi, e coma todo erro só pode suscitar dano. Non obstante, quede claro, as reaccións de sectores progresistas ó suxerir que en Galicia poida haber fraude nunha enquisa tampouco lle han facer moito ben ó país. Iso tamén é daniño, e potencialmente pernicioso: equiparar a nosa integridade democrática coas chapuzas das repúblicas bananeiras. A chapuza está no feito e non nas formas. Falemos pois de oportunismo, que si o houbo, e moito, quizais incluso algo de mesquindade. Mais o oportunismo non é fraude, e por desgraza para todos xa é inherente á política do cotián.

Nestas época de desesperación económica é fácil confundirnos aos pais, que o único que procuramos é que no futuro haxa futuro para os nosos fillos. Ó reducer o galego a un simple instrumento de comunicación, pois claro que sofre en comparación co castelán e co inglés, e a preocupación a que os fillos non sexan empregables lévanos, guiados polo medo, a reaccións irracionais, tal é fuxir do maís grande patrimonio do noso país: a lingua galega.

É responsabilidade colectiva de todos nós afastarnos das lerias infructíferas e poñernos a traballa para retransmitirlle ás nosas familias a confianza enraizada na sabenza de que a acepción do galego non reclama renunciar a absolutamente nada (enténdase castelán e inglés). E mesmo axudarlle a entender que ese gran patrimonio que nos une e define é a máis grande fonte de solidariedade, o fío que mantén ao país unido; velaí a súa utilidade. Non hai maior garantía de futuro ca solidariedade.

Foi unha desafortunada e oportunista consulta, nin máis nin menos. Afastémonos dos despropósitos e poñámonos a traballar para que quede niso. De fraude non falemos, o noso sistema democrático merece ese mínimo de consideración.

No comments:

Post a Comment