Sunday, November 8, 2009

O abandono da lingua (III)

Unha vez aceptado que rara vez a decadencia é inducida por causa única, ficamos ceibes das restriccións que nos poida frear do indagar en outras posibles razóns -alén das obvias - que poidan contribuír ó declive. Xa que falar das obvias é perde-lo tempo (todos sabemos quen son), falemos entón desoutras razóns que a nós chegan cargadas de boas intencións. No obstante, velaí o vello proverbio: “De boas intencións está o inferno cheo”. E indicios hainos, a moreas, que algún dos nosos infernos das boas intencións -hai máis dun - atópase nese empeño, xa algo maníaco-obsesivo, de non poucos labradores da fala en entender a lingua de todos nun estado permanente de desafío á Normativa, ou sexa, de rexeitamento do país como colectivo singular, unitario, organizado en base a unha realidade social de seu. Mailas boas intencións –que xa dan para encher, ¡a barrote!, un bo anaco inferno -, non deixan de ser, estas, aptitudes un algo irracionais, nalgúns casos máis propias de matóns de patio ca de amantes dun país e da súa fala, onde se adiviñan uns (nin tan) disimulados matices de entrega a propósitos alleos á realidade de Nós. E pois claro que me refiro ó reintegracionismo.

Se a historia nos di que os patriotas non sobran ningún, aínda nos di con moita máis clarividencia que os salvapatrias, si, sobran todos. No obstante, non serei eu quen dubide da honestidade de cantos idealicen o reintegracionismo (non vai por aí hoxe o lio), pero presupoñer que ese feixe de séculos que pasaron desde a racha dos Borgoña poidan ser borrados da historia sen deixar pegada, é difícil de comprender. Falar dunha mesma fala e dun mesmo pobo despois de tantos séculos de separación, non é un disparate menor. Con todo, si, pódese falar dun mesmo sistema lingüistico, constituído por dúas linguas cuxas afinidades léxicas poden alcanzar quizais ata un 80% do seu vocabulario máis cotián (o único verdadeiro vocabulario de toda fala: o da xente). Se ese 20% de diferenza semella ser pouca cousa como para poder falar de dúas linguas diferenciadas, lembrémonos que moitas menos diferenzas hai entre o ADN dun ser humano e mailo dun chimpancé e, agás notables excepcións ... Xa logo, indo ós eidos morfolóxicos, aí si que xa non teño a mínima dúbida de que estamos perante dúas moi diferentes falas. Non é unha opinión; é unha experiencia, vivida, case no cada día. En fin, estamos onde estamos. E onde estamos, malia os defectos que lle queiramos apuntar, existimos plenamente singularizados e identificados como cultura e como pobo. Galicia existe; o galego, tamén. Esa é a mensaxe de fondo que deberamos megafoniar, e non outra. Xa logo, fose cal for o camiño a seguir, o punto de partida xa non pode ser outro máis que a Normativa (a nosa); e os que dela coidan (se é que dela coidan) están chamados a rexeitar as inclinacións simplistas e bandullentas, e só deben sentirse obedientes ós reclamos manifestos na realidade social. Pola simple razón de que non hai ningunha outra realidade exenta das perversións infundidas pola ausencia do espontáneo e natural, desvencellada dos podredoiros do elitismo, da arrogancia e da soberbia, e sobre todo, do oportunismo da política. Por ende, calquera outras influencias só han contribuír a perverte-la lingua. Estas aptitudes contrarias ás Normas alimenta a incerteza e réstanlle estabilidade á fala, mesmo, identidade: eliminada a identidade, eliminado é o galego como base unitaria do país; eliminado o galego como base unitaria do país, eliminada a súa utilidade. Para falar serve calquera fala.

O galego ilusiónanos porque nos singulariza identifica e define. É cousa nosa que de nós fai Nós. Valoramos a singularidade por riba de tódalas outras consideracións. Os que perseguen outros propósitos e seguen entregados ó reintegracionismo non queren darse conta de que esta escisión pode espertar os fantasmas da anarquía “Divide et impera”, empuxando pais e ás xentes novas na dirección do castelán como única lingua estable da nosa xeografía. A anarquía, fomentando división e decadencia, só ha beneficiar ós inimigos da fala, habilitándolle-los camiños que levan á súa extinción. Por si quedaba algunha dúbida que os fanatismos son todos malos, velaí a gran ironía: os mesmos fanáticos da fala reducidos a simple sicarios involuntarios.

Argumentos obxectivos hainos (a moreas) en prol da acepción da normativa portuguesa (que iso é o reintegracionismo, e non outra cousa) como única, común e universal; iso douno por indiscutible. Non obstante, eses argumentos non teñen calado social nin acepción identitaria. E todo canto afecte á identidade dun pobo non pode ser reducido ás vulgaridades das presuposicións técnico-científicas de catro self-proclaimed eruditos sabios da fala. Iso marcaría o principio da fin. Non hai mellor maneira de asasinar unha fala ca entregarlle o titulo de propiedade ós claustros universitarios e ás mesas de aquí ou de aló. Negarlle o titulo de propiedade ós verdadeiros donos, forzándoos a fuxir á procura do castelán como único abeiro de pertenza e familiaridade, no só é furto e fraude, é unha morte anunciada.

Somos os que somos, e se somos todos, somos abondos. A sobrevivencia da nosa identidade como pobo diferenciado depende da sobrevivencia do galego (sen matices nin enganos) como lingua diferenciada.

No comments:

Post a Comment