Thursday, November 12, 2009

Réquiem a unha fala asfixiada

Corren malos tempos para a fala, e aínda peores para a democracia. Esborrallase a obxectividade, escorrega a veracidade; o rigor, producto prohibido; a verdade, meta inalcanzable. Xa tódolos patrios politizoides se dedican a dicir unicamente o que queira escoitar o patio. E como o patio é moitos patios e muda e cambia na realidade da propia veciñanza, a oportunista mensaxe, na constante da conveniencia, sempre indiferente aos reclamos da verdade, coma un camaleón que axexa, regula o uso da palabra, administra tons berros e pausas. Só conta caer ben. A verdade cada día máis preto de ser un estorbo que un indeleble reclamo. Quizais de cando en cando, e sempre ao servizo da conveniencia ou para gardar aparencias, acudir a ela e apañar unhas frangullas, tantas cantas abonden para disimular a profunda indiferenza –e aínda desprezo- que suscita nas máis das conciencias nos momentos aqueles cando a súa presenza houbera marcado diferenzas: A acepción do galego a menos, a lingua propia do país amplamente rexeitada por nós mesmos. Mais diolo faga mellor ca que a alguén se lle dea por intentar discernir algunhas das vastas moreas de causas detrás das nefastas consecuencias. Calquera cousa menos iso. A verdade segue sendo unha molestia. Pois non, xa non abonda con berrar lingua asasinada, xenocidio lingüistico, os ananos proliferan e sóbense ao poder para destruír o país con medidas de exterminio idiomático (Beiras dixit), e cantos outros berros infructíferos e inconsecuentes, cada vez máis aburridos e representativos dos fracasos propios ca das falsidades alleas, afastándonos con cada grito un chisquiño máis das solucións tan necesarias. E isto só para caer simpáticos á parroquia apampanada. ¡Ás solucións que as parta un raio!

Hai causas, sempre as hai. Nada pasa porque si. Pero para falar das causa necesitase un pouco menos de censura, un pouco máis de liberdade; un pouco menos de hipocrisía, un pouco máis de valentía; un pouco menos de soberbia, e ferrados de humildade. Galicia xa non é un país gobernado por alleos desleigados, nin por “ananos”, e agás notables excepcións, tal algunha que outra deputación dinástico-despótica, tampouco por caciques desaforados. Son galegos e galegas elixidos democraticamente pola sociedade galega quen a Galicia gobernan. Esta moda do politicamente correcto, da hipocrisía como medio, da simpatía como fin, da egolatría desmedida, hai que enfrontala, con tódolos moitos riscos inherentes.

Menos atención as consecuencias, que tamén, e máis ás causas. Porque é aí, nas cousas, na raíz, onde hai que buscar as solucións. Sería un descomunal despropósito suxerir que o presidente Núñez Feijóo é un ignorante; todos sabemos que é unha persoa culta, intelixente, evidentemente perspicaz e cun grande instinto de como administrar os tempos. E sería un descomunal despropósito suxerir que o presidente Núñez Feijóo é un traidor. E sería unha destructiva desgraza que un grupúsculo de ególatras “ilustrados”, guiados por razóns tan suiñosas como omnímodas, se sentiran autorizados a despachar xuízos desa natureza. O presidente Núñez Feijóo non é causa. El tamén é consecuencia. Velaí o problema, mentres as causas sigan fecundas as consecuencias ha seguir boiantes; as solucións, fuxidas.

Meus queridos compañeiros e compañeiras galeguistas -que son un de vós aínda que vos custe crelo-, a causa somos todos nós. Unha das causas máis destructivas é esa enfermidade que nos aflixe a moitos dos galeguistas e aos máis dos nacionalistas de racionalizar o nacionalismo periférico como algo que sempre é nobre decente e loable, aínda que estiver apadriñado co mesmísimo diabro. Que a ninguén se lle ocorra dicir algo -sobre todo se ese algo en unha verdade documentada e indisputable- que poida ofender sensibilidades nun grupo ou partido nacionalista periférico. Mate a quen mate ETA, a ambigüidade dos nacionalistas seguen sendo encomiable, honorable, e mesmo ben vendida como prudencia conmensurada, pola contra, o nacionalismo español sempre é malo, aínda cando for simple, honesto e lexítimo patriotismo. Non importa, se vai precedido por español, xa é, de seu, malo. E acabouse. Esa distorsión está alienando un notable número de galegos, incidindo nun rexeitamento de canto poida ser asociado co nacionalismo, véndoo como unha forza vil, destructiva, e allea a realidade social. E esta percepción de alleismo e anti-españolismo que se está labrando o nacionalismo periférico alimenta a politización -en plano negativo- do galego, ao ser percibido por moitos galegos como unha canle de transmisión de odio a España.

O galego merece moito máis. Merece o que merecen tódalas falas: ser fala do seu pobo, apolítica, ceibe, espontánea, e natural.

No comments:

Post a Comment