Monday, November 9, 2009

O abandono da lingua (V)

Primeiro vén Air Berlin, o nome xa o di todo: son da fóra. Seguiulle un tal sabio, tamén da fóra. Humanista, seica. Un tal Stainer do quen non sei nada; evidentemente a perda parece non ser moita. Algúns din que o Steiner é un sabio, e, como tal, que soubo ratificar; en fin, alá cadaquén cos seus deuses e heroes. Eu, tal como andan as cousas no Olimpo, polo de agora heime quedar na agnóstica soidade do pragmatismo. Para min, un sabio sería incapaz de dicir que unha lingua, cal for, sobra. Despois do “sabio” forasteiro, distinguido co Príncipe de Asturias –por falta de credenciais que non sexa a cousa -, viñeron os do Club Financiero de Vigo. Estes seica non se dan de sabios, o destes son os cartos: o mundo polos ollos do euro. Non obstante, ve-lo mundo polos ollos do euro, para un club financeiro, tampouco é para escandalizarse. Con todo, destes tres ataques á fala, é este o único que me preocupa, pola simple razón que estes son de Nós. O que digan os de por aí, de ser honesto, a min non me preocupa nadiña; moito, o que digan os de aquí. Se imos seguir sendo un pobo unido, como sempre o fomos - incluso nos tempos máis miserables e escuros dos anos traidores existiamos plenamente identificados como pobo -, depende de nós. Se imos estar desanaquizados, tamén.

Air Berlin despreza a nosa fala. Non sei se fan ben, se fan mal, ou se simplemente no fan nada. Inclínome polo último. Que Air Berlin fale ou non galego, na realidade practica da vida galega non significa absolutamente nada. Sendo a nosa unha realidade onde se debullan situacións de sobrevivencia (a mesma desaparición da fala) o simbolismo, penso eu, pasa a ser tertulia bizantina, decididamente improductiva, e quizais mesmo un estorbo. Se temos que andar polos aeroportos do mundo utilizando castelán ou inglés como instrumentos prácticos para resolver unha situación onde, as máis das veces, chegan catro palabras, frías, funcionais e impersoais, á nosa prosa e á nosa poesía, e ó noso falar no cotián do cada día, non lle significa nada. A nosa prosa e a nosa poesía, e o noso falar no cotián do cada día afírmanse na lingua cando é utilizada no verdadeiro falar. A nosa fala quizais aínda nolo agradeza e saia fortalecida cando for excluída dos pasaxeiros artificios viaxatas.

O galego é íntimo, de familia, de pobo; de Nós. Fonte e áncora da nosa identidade. Eu sospeito que nos máis dos países pequenos, Air Berlin, nin pío en vernáculo, e estou seguro que á cidadanía non lle preocupa nada. Cando a fala é un simple instrumento de comunicación, utilízase dunha maneira fría, funcional, practica e impersoal, ou sexa, afastada da mornura do propio. Neses casos, para falar serve calquera fala. A mornura do propio reservase para usos máis humanos, para falar cando toca senti-lo falar, cando toca vivi-lo falar, cando toca ama-lo falar; para falar cando o falar é moito máis ca unha simple e fría transacción indiferente ós asuntos do Ser.

Saúdo, como todo galego ben nacido, ás empresas estranxeiras con presenza entre nós que respecten, por vontade propia, por dignidade, por exaltación da condición humana, a nosa cultura e a nosa fala, as que amosen indiferenza a esas practicas, utilizarei os seus servizos cando for necesario, reafirmando e relembrando na súa frialdade a miña identidade. Quizais no fondo - xa non nas formas - a indiferenza (eu penso que non é desprezo) desas empresas sexa un alicerce onde han senta-las reflexións necesarias: o galego somos Nós, de Nós para Nós, e ninguén máis.

No comments:

Post a Comment